Investigadores do CiTIUS gañan o desafío internacional de computación en cardioloxía clínica

Os científicos do centro obteñen o mellor resultado dos 75 participantes rexistrados, entre os que destacan equipos de prestixiosas universidades como Stanford e Oxford.

Na súa edición de 2017, o reto expuxo o problema do procesado automático de ECG para detectar a posible presenza de fibrilación auricular sobre rexistros electrocardiográficos de curta duración. O obxectivo era obter unha proba de baixo custe, que permita identificar dun modo sinxelo ao paciente coa axuda de pequenos dispositivos de tamaño inferior ao dunha tarxeta de crédito; estes aparellos poderían ser adquiridos por centros de atención primaria, farmacias, ou mesmo particulares para obter un electrocardiograma en menos dun minuto, con tan só apoiar dous dedos en cada unha das súas placas metálicas.

Os algoritmos presentados a concurso polo equipo de investigadores do CiTIUS obtiveron o mellor resultado de entre todos os participantes, o que sitúa ao centro nunha posición de referencia para liderar o futuro desenvolvemento de novos métodos que poidan trasladarse á rutina clínica. «Estamos a falar do foro de referencia a nivel mundial na aplicación da computadora ao procesamento de sinais biomédicos», afirma un dos gañadores, Paulo Félix. O director do CiTIUS salienta que «fomos quen de desenvolver unha estratexia de detección que utiliza os principios da intelixencia artificial para emular o comportamento do especialista cardiólogo cando interpreta un electrocardiograma», asegura.

Pola súa banda, o seu compañeiro Tomás Teijeiro quixo incidir no valor engadido da nova solución ambulatoria: «dispor dunha ferramenta robusta e fiable para detectar unha posible fibrilación auricular permitiría realizar unha estratificación temperá dos pacientes, que serían así derivados a unha consulta especializada», sinala. «Isto axudaría a axilizar o tempo de diagnose, reducindo así os custos do Sistema público de Saúde e contribuíndo a garantir a súa sustentabilidade», defende.

No Physionet/Computing in Cardiology 2017 participaron 75 empresas e universidades de todo o mundo, entre os que destacan equipos das universidades de Stanford (EEUU), Oxford (Reino Unido), e a Escola Politécnica Federal de Zúric, ademais de prestixiosos centros de investigación como o Philips Research North America.