Investigadores do CiTIUS participan no desenvolvemento dun buscador especializado en emprendemento

Os investigadores David Losada e Manuel Lama desenvolveron a parte informática do motor de procura “Mentor-Emprende”, financiado por RedEmprendia e concebido para asesorar sobre emprendemento innovador e creación de empresas. A este novo buscador accédese de forma libre a través da web de RedEmprendia.

Esta ferramenta achega  documentos e guías necesarios para poñer en marcha iniciativas emprendedoras. “En casos coma este, onde o usuario non sabe por onde comezar o seu proceso de busca de información, unha aplicación que guíe as procuras, promocione sitios reputados e proporcione información relacionada con cada tema, é moi valiosa”, apunta Losada.

A USC realizou un informe sobre o rendemento deste buscador no que conclúe que mellora considerablemente os resultados obtidos con respecto a un motor de procura tradicional, porque guía ao usuario a través de documentos relacionados coa súa consulta, sendo isto especialmente útil cando a temática requerida non lle resulta familiar.

Mentor-Emprende

Mentor-Emprende traballa a partir do motor de procura de Google, organizando o acceso á información a través de varios perfís, e outorgando prioridade aos sitios con maior reputación a fontes de calidade. Ademais, ofrece pequenos resumos sobre temas relativos ao emprendemento e ofrece recursos asociados procedentes doutras páxinas web como Wikipedia ou da rede Universia.

Segundo explican os seus desenvolvedores, o proxecto viviu tres fases: unha primeira de creación e axuste dun buscador personalizado adaptado aos servizos de Google, así como a configuración dun servizo de acceso flexible e adaptable á información web; a definición da estrutura da base de datos para xerarquizar perfís; e a definición da xerarquía de conceptos importantes e o listado de sitios reputados por parte de expertos en emprendemento, como a profesora do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade da USC Loreto Fernańdez.

Polo de agora, o buscador só está dispoñible en español aínda que se prevé amplialo a outros idiomas, personalizalo segundo a área xeográfica e acceder a documentos de redes sociais.