María Bugallo recibe o premio Almirall do Instituto de Estatística de Cataluña e a Universidade Autónoma de Barcelona por un traballo de estatística aplicada

A investigadora foi recoñecida no marco do ‘XIX Concurso STUDENT d’Estadística Aplicada’ por un traballo baseado na paradigma de atención, no que conseguiu completar un cribado de pacientes con fibrilación auricular mediante a clasificación automática de rexistros de electrocardiograma.

O Premio Almirall chega tras superar o reto proposto pola organización do concurso, un desafío no que as persoas aspirantes tiñan que realizar unha análise sobre un conxunto de datos relacionado cun problema real, ao que debían dar solución mediante un traballo inédito e de temática libre. María Bugallo non o dubidou: «Son bastante decidida», chancea. «Pensaba que a nosa idea era orixinal e interesante, así que non dubidei en comentárllelo ao meu supervisor». Unha proposta que acabou por imporse no concurso, debullando un sistema de redes neuronais para o cribado de pacientes con fibrilación auricular, que finalmente foi recoñecido como mellor traballo en bioestatística.

«Cando presentei o traballo, nin esperaba nin descartaba gañar, porque, en realidade, sabía que gañaba das dúas formas: o documento e as correccións de Paulo Félix, o meu supervisor, axudáronme moito como material de apoio na redacción do meu traballo de fin de máster», explica. «Estou moi agradecida ás institucións organizadoras, é gratificante sentir que o esforzo, dificilmente valorado en moitos casos, proporciona tamén recompensas», afirma a investigadora do CiTIUS.