Mateo Valero, director do Centro Nacional de Supercomputación, impartirá o vindeiro venres unha conferencia no CiTIUS da USC

O encontro, organizado conxuntamente polo Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) e o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), permitirá coñecer as últimas revolucións no eido da Computación de Altas Prestacións para acelerar o progreso científico.

O vindeiro venres 29 de outubro, a partir das 12:30, o CiTIUS acollerá a charla de Mateo Valero, fundador e director do Barcelona Supercomputing Center e un dos maiores referentes no campo da supercomputación a nivel mundial. A conferencia, organizada en colaboración co Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), terá lugar no salón de actos do CiTIUS ata alcanzar o límite de aforo, e será transmitida en liña para aquelas persoas que non poidan asistir de maneira presencial.

Ao longo da súa charla, Mateo Valero resumirá a situación actual e as transformacións que se producirán no futuro próximo nos sistemas de computación de altas prestacións (HPC, polas súas siglas en inglés), incluíndo o seu forte impacto na investigación científica.

A capacidade de computación masiva ten permitido utilizar múltiples técnicas como as redes neuronais aplicadas a problemas do mundo real, dando lugar ao que chamamos Intelixencia Artificial (IA), capaz de facer inferencias que os humanos nunca teriamos a capacidade de realizar. Tamén se están a producir avances significativos na computación cuántica, baseada no uso dos fenómenos da mecánica cuántica para manipular a información, e cun enorme potencial para novas transformacións no campo da HPC. Todos estes avances poden axudar, ou nalgúns casos mesmo substituír, ás técnicas clásicas.

Sobre o relator

Mateo Valero é fundador e director do Barcelona Supercomputing Center. Profesor desde 1974 e Catedrático en Arquitectura de Computadores na Universidade Politécnica de Cataluña desde 1983, a súa investigación céntrase na arquitectura dos computadores e supercomputadores. Publicou aproximadamente 700 artigos, ten colaborado na organización de máis de 300 Congresos Internacionais, e impartido máis de 700 conferencias. Entre os seus premios, o tres máis importantes a nivel mundial no seu campo: premio Eckert-Mauchly (2007), outorgado polo IEEE-ACM; premio Seymour Cray (2015), outorgado polo IEEE e premio Charles Babbage (2017), outorgado por IEEE.