Nova edición do programa «Talentum Startups» no CiTIUS

O programa *Talentum* de Telefónica vén de renovar o seu acordo co CiTIUS, en virtude do cal o centro actúa como entidade aceleradora na modalidade de *«Talentum Startups*»

Talentum Startups é un programa de apoio ós universitarios de carreiras tecnolóxicas e ó ecosistema emprendedor xestionado a través da Fundación SEPI, co gallo de ofrecer ós seus participantes unha experiencia laboral en ámbitos de alta innovación tecnolóxica.

Na presente edición, o programa ofrece 6 bolsas para a realización de prácticas no CiTIUS durante un período de 6 meses, en réxime de xornada parcial (5 horas/día), cunha remuneración de 500 € mensuais. Polo que atinxe ós requirimentos para acceder a estas bolsas, e aínda que en principio non hai unha limitación en canto á tipoloxía de estudos que permiten acceder a elas, cómpre salientar que os responsables do programa darán prioridade a aqueles candidatos que procedan de áreas tecnolóxicas.

As probas de selección terán lugar o vindeiro martes 21 de abril ás 11:00 na ETSE (Escola Técnica Superior de Enxeñaría), e posteriormente serán enviadas ó xurado de Talentum encargado de facer a escolma de aspirantes. Os candidatos seleccionados completarán o seu período de prácticas no CiTIUS, incorporándose deste xeito a proxectos tecnolóxicos que serán propostos dende os programas científicos do centro.

A participación como organismo acelerador non só brinda ó CiTIUS a oportunidade de participar nun dos programas de captación de talento de maior prestixio a nivel estatal, senón tamén ós propios bolseiros, que desenvolverán a súa actividade emprendedora nunha contorna ideal para o desenvolvemento de proxectos innovadores.

Para realizar as probas de selección, é necesario inscribirse na páxina oficial do evento.