O CiTIUS aborda novas fórmulas que facilitan o tratamento de información no ámbito hospitalario

O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información (CiTIUS) organizou hoxe unha conferencia sobre as tecnoloxías de búsqueda e clasificación de datos no eido médico. A charla estivo dirixida a profesionais e investigadores da área sanitaria e celebrouse no Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela.

O relatorio "Tecnoloxías de procura e clasificación para o ámbito médico", impartido polo profesor David Losada, abordou as posibilidades que a informática brinda ás tarefas de xestión, procura e clasificación de documentos e expedientes no eido hospitalario. A recuperación de información e a aprendizaxe automática poden achegar solucións para crear software que lle axude ao persoal sanitario a procesar e localizar os datos necesarios para a súa actividade, tanto a nivel de investigación como no exercicio clínico diario.

Estas técnicas son de especial relevencia pois supoñen potencialmente unha valiosa contribución ao traballo dos profesionais da medicina. Na actualidade, o gran volume de documentos que xestionan os hospitais fai moi dificultosa a súa localización e acceso, polo que son necesarias novas técnicas e ferramentas que acheguen resultados de xeito máis rápido e efectivo.

David Losada

É profesor titular de universidade na Área de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da USC. A súa labor investigadora céntrase no ámbito da recuperación de información, en aspectos como a construción automática de resumos, detección de novidade, clasificación de textos e minaría de opinións.