O CiTIUS comeza a producir máscaras de protección para o persoal sanitario

O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago (USC) emprega a técnica de impresión 3D para axudar a facer fronte á crise global provocada polo brote de coronavirus.

Tralo peche das súas instalacións, decretado polas autoridades académicas o pasado 14 de marzo, o CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC), comezou hoxe a producir máscaras de protección para o persoal sanitario mediante a técnica de impresión 3D, dada a escaseza deste material no mercado. Paralelamente, a dirección do centro está a promover xunto á Xerencia e a Vicerreitoría de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade da Universidade de Santiago (USC) a mobilización de tódalas impresoras 3D da institución, co obxectivo de coordinar a fabricación e distribución destas máscaras e maximizar así a súa produción.

Fontes do centro sinalaban esta mañá que «malia que esta é unha iniciativa moi modesta, queremos achegar o noso gran de area ao persoal dos centros de saúde e unidades hospitalarias, que está atendendo a pacientes infectados sen o debido equipamento de seguridade». As máscaras producidas no CiTIUS poranse ao dispor das autoridades sanitarias tan pronto como sexa posible para a súa posterior distribución.