O CiTIUS constitúe o seu novo Consello Empresarial e Social

O CiTIUS reuniu ao seu recentemente creado Consello Empresarial e Social, ao que presentou os seus últimos resultados científicos e tecnolóxicos nunha xornada dirixida á procura de novas oportunidades de colaboración e de aplicación á sociedade das tecnoloxías intelixentes.

O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da Universidade de Santiago de Compostela celebrou o xoves 15 de abril de 2021, a primeira reunión do seu novo Consello Empresarial e Social. “Este novo consello reforza de un modo importante a parte empresarial, pero sobre todo inclúe unha parte social, a través de organizacións fortemente comprometidas co uso das tecnoloxías, en particular a Intelixencia Artificial, polo ben común”, segundo declaracións do Director Científico do CiTIUS, Senén Barro. “Un dos grandes valores deste consello é a diversidade e calidade dos seus membros, que representan desde pequenas a grandes empresas, tanto galegas como multinacionais, ademais de iniciativas de capital risco e organizacións que velan pola Intelixencia Artificial de confianza ou a innovación”, afirma Barro.

Entre as funcións do consello atópanse: o establecemento de novas fórmulas de colaboración nos ámbitos de recursos humanos, formación e transferencia da tecnoloxía ao tecido produtivo, así como establecer unha canle de comunicación que permita identificar intereses comúns a explorar, ademais de desenvolver fórmulas de patrocinio e financiamento privado.

Esta reunión serviu a súa vez para presentar aos novos membros que se incorporaron ao consello. Entre eles atópanse: a Fundación Cotec, Mundi Ventures, Unirisco, OdiseIA, Situm e Televés, e a título persoal: Nuria Oliver, Co-fundadora de ELLIS Alacante Foundation, Andrés García-Rodeja, experto en big data, e David Pascual, experto en innovación e transferencia. Todos eles sumaranse a Accenture, DXC Technology, Indra, Plexus e o Clúster TIC Galicia, que xa eran membros do consello.

Este evento, presidido por Senén Barro Ameneiro e Paula López Martínez, directora adxunta do CiTIUS, serviu así mesmo para dar a coñecer de primeira man a actividade máis recente do centro e algúns dos seus últimos logros en campos como o procesamento eficiente de datos LiDAR e imaxe de fotogrametría, a detección e seguimento en imaxes de vídeo, e Social Minder, unha ferramenta para a análise en tempo real de contidos en redes sociais. O encontro tamén incluíu a presentación da nova spin-off do CiTIUS, InVerbis Analytics, por parte do seu CEO, Gonzalo Martín.