O CiTIUS organiza a Escola de Verán do proxecto europeo MENELAOSᴺᵀ

*O centro acollerá ao longo da semana que vén a Escola de Verán 'MENELAOSᴺᵀ Midterm Summer School (MSS) 2021', un evento que se celebrará en formato mixto (presencial-en liña) no marco do proxecto europeo MSCA ITN MENELAOSᴺᵀ. O encontro transmitirase en directo desde Santiago de Compostela e terá lugar entre o 20 e o 24 de setembro.*

O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela (CiTIUS) acollerá a semana que vén o encontro MENELAOSᴺᵀ Midterm Summer School (MSS) 2021, un evento organizado polo centro de investigación da USC que se celebrará en formato mixto (presencial-online) no marco da Rede Europea de Formación de Doutores MENELAOSᴺᵀ, un proxecto, no que o CiTIUS participa como socio e está financiado polo prestixioso programa ‘Horizonte 2020’ ao abeiro dunha axuda MSCA (‘Marie Curie Action Marie Skłodowska-Curie Action’).

A Escola de Verán arrincará o vindeiro luns e está organizada polo CiTIUS. Celebrada integramente en inglés, conta cun programa de presentacións e relatorios que ilustrarán os últimos avances e desenvolvementos do proxecto MENELAOSᴺᵀ, centrado no campo da fusión de datos multimodais e multisensoriais.

Todas as sesións desenvolveranse entre o 20 de setembro e o 24 de setembro de 2021, Unha semana de posta en común na que se abordarán distintas áreas de traballo, como os novos paradigmas de detección comprimida (unha técnica de procesamiento para adquirir e reconstruír eficientemente un sinal), o uso de aprendizaxe profunda -Deep Learning- en todos os niveis, o procesamiento dos sinais procedentes de sensores, e a minería de información de alto nivel. A información completa desta Escola de Verán está dispoñible na páxina web oficial de 'MENELAOSᴺᵀMidterm Summer School (MSS) 2021'.

Sobre MENELAOS

A Rede Europea de Formación MENELAOSᴺᵀ, financiada pola Comisión Europea a través dunha Acción Marie Skłodowska-Curie (MSCA), aborda retos sociais clave, aplicando novas tecnoloxías para realizar a fusión de datos multimodais e multisensoriais para combinar de xeito óptimo a información proporcionada por diferentes sensores (*in situ/*remotos, ópticos/non ópticos,etc), a diferentes escalas, con diferentes resolucións e distinto nivel de fiabilidade.

MENELAOSᴺᵀ reúne a 7 membros diferentes de 4 países distintos (Alemaña, España, Romanía e Turquía), entre os que atopan institucións de investigación, universidades e empresas, así como varias organizacións de distintos puntos de Europa. Xuntos, todo estes actores forman unha rede cunha ampla experiencia no campo da teledetección, a fabricación de sensores e o procesamiento de sinais.

As persoas interesadas en participar nesta escola de verán deberán porse en contacto coa organización enviando un correo electrónico á seguinte dirección: menelaos_nt_summerschool@usc.es