O CiTIUS promove a exposición ‘#SomosQuen: científicas preto de TI’, no Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

O Centro Comercial As Cancelas de Santiago de Compostela acollerá desde este venres unha mostra de 9 investigadoras do eido da tecnoloxía en distintas fases da súa carreira, que reflexionan sobre o seu papel como mulleres e científicas do CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC). As súas mensaxes están dirixidas a nenas e rapazas de tódalas idades.

«Non te conformes», «Nada é difícil se che gusta», «Busca e decide», ou «Atrévete comigo!»: son só algunhas das mensaxes que 9 investigadoras do CiTIUS enviarán ás rapazas e nenas máis novas con motivo do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Farano a través da exposición ‘#SomosQuen: científicas preto de TI’, unha mostra promovida polo Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela (CiTIUS), en colaboración co Centro Comercial As Cancelas.

A exposición, de acceso libre e aberta a todo tipo de públicos, está especialmente dirixida ao alumnado feminino máis novo, e poderase visitar na planta baixa do centro comercial entre a apertura e o peche das instalacións, desde as 11:00 deste venres ata última hora da tarde do xoves 17 de febreiro.

Científicas de vangarda ‘á beira da casa’

O obxectivo desta iniciativa é dobre: por unha banda, servir de inspiración e contribuír a espertar novas vocacións investigadoras entre as nenas e rapazas que aínda non decidiran o seu futuro académico; por outro, a mostra trata tamén de promover e divulgar o labor científico desenvolvido polo CiTIUS como centro de investigación de referencia, poñendo especialmente en valor o papel da muller no ámbito da tecnoloxía.

Paula López, directora adxunta do CiTIUS e unha das participantes da mostra, salientaba a importancia de aproveitar estas efemérides para visibilizar o traballo que fan as investigadoras do centro: «a exposición pareceunos un bo xeito de levar a ciencia á rúa, unha idea atractiva e próxima coa que presentar o feito de ser muller e ser investigadora como algo natural», apuntaba.

«A presenza de mulleres en investigación, especialmente nas áreas técnicas, é aínda minoritaria», continúa López. «Que a xente vexa como algo normal esta ocupación, algo que ocorre no teu país, na túa cidade, nun centro que está ‘á beira de casa’, é positivo e axuda a transmitir esa idea de normalidade», sinala.

Ademais de Paula López, a mostra conta tamén coa participación das investigadoras Dora Blanco, Mariña Canabal, María José Carreira, Ledicia Díaz, Iria de Dios, Faranak Karimpour, Celia Outes, e Silvia Rodríguez.