O CiTIUS reforza o seu proceso de internacionalización coa coordinación do novo proxecto ‘ELBA’

David E. Losada, profesor da Universidade de Santiago adscrito ao Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), liderará durante o próximos tres anos un novo consorcio no que participan 13 institucións de Europa e Asia central.

Chámase ELBA (‘Establishment of training and research centers and course development on Intelligent Big Data Analytics in Central Asia’), e durante o vindeiros tres anos contribuirá a mellorar a capacitación e formación de investigadores europeos e asiáticos no ámbito da análise de grandes cantidades de datos.

O novo proxecto, que arrincou oficialmente hoxe coa reunión de lanzamento na ETSE (Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC), estará en vigor ata finais de 2022 e disporá dunha dotación orzamentaria próxima ao millón de euros (994.968€). Un consorcio liderado desde o CiTIUS polo investigador David E. Losada, que conta coa participación dos tamén investigadores do centro Paula López e Tomás Fernández Pena e o Servizo de Relacións Exteriores da USC (SRE). Ao equipo da Universidade de Santiago uniranse máis de 50 investigadores da área, repartidos entre distintas institucións de Europa e Asia central.

O obxectivo do proxecto ELBA é profundar no desenvolvemento de novas competencias en tecnoloxías innovadoras que contribúan a mellorar o campo do Big Data Analytics, un paradigma de Intelixencia Artificial (IA) que aborda o tratamento de inxentes cantidades de datos. Considerados estes con frecuencia como ‘o petróleo do futuro’, ELBA nace para dar resposta á escaseza de profesionais cualificados para abordar a súa xestión, particularmente en certas zonas do planeta.

«Este proxecto é unha oportunidade para fortalecer os lazos con outras institucións europeas e de Asia Central nun eido tan punteiro como o do Big Data Analytics», afirma o profesor Losada. «Entre outros retos, o proxecto ELBA pretende definir unha axenda para a mellora nas capacidades dos socios de Asia Central na formación e investigación en tecnoloxías Big Data, así como noutras tecnoloxías relacionadas», explica.

Xunto a USC, institución coordinadora do proxecto, participan tamén outros dous socios europeos (Politécnico de Turín e Universidade de Primorska) e dez institucións de Asia central, repartidas entre Usbequistán, Kazajistán, Kirguizistán e Tadxiquistán. As tarefas da USC estarán orientadas a mellorar a capacidade formativa dos socios de Asia Central, monitorizar e asesorar o desenvolvemento de plans de estudo en Big Data Analytics e proporcionar métodos e ferramentas de aprendizaxe en tecnoloxías intelixentes de procesado de datos masivos.

Referencias

ELBA: Establishment of training and research centers and course development on Intelligent Big Data Analysis in Central Asia

Socios do proxecto

Politécnico de Turín (Italia), Univerza na Primorskem universita do litorale (Koper, Eslovenia), Ao-xorazmiy Nomli Urganch Davlat Universiteti (Urgench Khore, Usbequistán), Bukhara Engineering Technological Institute (Bukhara, Usbequistán), International University of Information Technologies (Almati, Kazajistán), Kulob Institute of Technology and Innovation Management (Kulob, Tadxiquistán), Kyrgyz State Technical University Named after I. Razzakov (Bishkek, Kirguizistán), Osh Technological University (Osh, Kirguizistán), Republican State Enterprise Operating under the right of Economic Management A. Baitursynov Kostanay State University (Kostanay, Kazajistán), Tashkent Institute of Design, Construction and Maintenance of Automotive Roads (Tashkent, Usbequistán), Technological University of Tajikistan (Dushanbe, Tadxiquistán), Toshkent Shahridagi Turin Politexnika Universiteti (Tashkent, Usbequistán).