O reputado economista Marc Vidal merca o 15% de Cilenis, unha «spin-off» da USC creada por investigadores do CiTIUS

A empresa galega Cilenis, unha «spin-off» da Universidade de Santiago de Compostela (USC) creada por investigadores do CiTIUS, ven de incorporar no seu accionariado ó especialista en emprendemento e nova economía Marc Vidal, que adquire o 15% das participacións da compañía a través da súa empresa Idodi Labs. Vidal está considerado coma un prestixioso analista económico, polo que a súa participación en Cilenis confirma a relevancia do proxecto, ó tempo que supón un paso decisivo cara á internacionalización.

Co gallo de formalizar o acordo, o propio Marc Vidal visitou Compostela o pasado luns. Trala reunión co equipo de Cilenis, a xornada completouse cun almorzo de traballo ofrecido pola Unidade Xestora de intereses de la USC (Unixest), no que se deron cita profesionais do eido das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC).

Dirixida polo profesor e investigador do CiTIUS Pablo Gamallo, Cilenis desenvolve solucións avanzadas nos campos de «procesamento da linguaxe natural» e a «enxeñería lingüistica», aplicando as TIC a este tipo de recursos. Un marco de traballo con clara vocación de futuro, como puxo de manifesto o interese de Marc Vidal, especialista en detectar e impulsar novas empresas tecnolóxicas con potencial competitivo.

Deste xeito, Idodi Labs súmase por primeira vez a un proxecto galego, co obxectivo de apoiar o seu desenvolvemento técnico e económico. O acordo suporá, ademais, un impulso do proceso de internacionalización de Cilenis, ó beneficiarse esta da presencia de Idodi en cidades como Londres, Dublín, Panama City, Boston, Los Ángeles, Lisboa ou Kuala Lumpur.

Marc Vidal foi seleccionado en 2010 como unha das dez persoas máis influentes de Internet en España. Nos últimos cinco anos fundou cinco empresas, que dan traballo a máis de 100 persoas en América e Europa, namentres a súa actividade profesional actual céntrase nas «start-ups» (empresas innovadoras cun gran potencial de crecemento). Con Idodi Labs Vidal crea e impulsa novos proxectos, tecendo unha rede de empresas tecnolóxicas da que xa forma parte a galega Cilenis.