Premian a Santiago polo seu compromiso coa mellora da calidade do aire a través de TRAFAIR, un proxecto desenvolvido xunto ao CiTIUS

Compostela recibe o ‘Premio X Aire Limpio’ na segunda edición destes galardóns, en recoñecemento á cidade menor de cen mil habitantes máis comprometida coa calidade do aire. O xurado distingue así o carácter innovador do proxecto de investigación TRAFAIR (Understanding Traffic Flows to Improve Air Quality), desenvolvido en colaboración co CiTIUS.

Santiago de Compostela vén de ser distinguida como a cidade menor de cen mil habitantes máis comprometida coa calidade do aire no seu ambiente polo xurado do II Premio X Aire Limpio, promovido pola Plataforma X Aire Limpio. Recoñécese así o carácter innovador e colaborativo do proxecto TRAFAIR (Understanding Traffic Flows to Improve Air Quality), un consorcio europeo integrado por nove organizacións de España e Italia cuxo máximo responsable na cidade é José Ramón Ríos Viqueira, investigador adscrito ao CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela).

O científico amosábase hoxe compracido trala notificación do recoñecemento á cidade: «para os investigadores do CiTIUS que participamos neste proxecto, todos membros do grupo de investigación en Gráficos por Computador e Enxeñaría de Datos (COGRADE), este premio é unha proba clara de que a investigación realizada no CiTIUS, ademais de ter impacto científico, ten tamén un impacto social moi importante, que neste caso redundará nun mellor coñecemento sobre a calidade do aire que se respira en Santiago de Compostela», afirma Ríos Viqueira.

Concellos pioneiros

O premio supón un recoñecemento aos concellos españois pioneiros na posta en marcha de accións destinadas a mellorar a calidade do aire, co obxectivo de facer os seus esforzos visibles e promover que sirvan de inspiración para outros homólogos locais. O xurado, composto por investigadores de prestixio e asociacións profesionais da calidade do aire, puxo de manifesto a súa grata sorpresa polo número e calidade das candidaturas, mesmo tendo en conta o contexto sanitario.

Na categoría de cidades menores de cen mil habitantes, o xurado destacou a cidade de Santiago de Compostela en recoñecemento ao rigor científico do proxecto TRAFAIR, salientando aspectos como a utilización de novas tecnoloxías ou o desenvolvemento de servizos innovadores e sostibles para producir nova información robusta e fiable. Ademais, destacaron a valiosa e pioneira xeración de coñecemento que xorde ao cooperar administracións públicas e universidades de España e Italia, tal e como recollía a candidatura de Compostela. O xurado tamén recoñeceu as candidaturas de Zaragoza e Sabadell na categoría de cidades maiores de cen mil habitantes.

Tanto o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, como a concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro, agradeceron a concesión do premio e o recoñecemento que este supón ao esforzo municipal por mellorar a calidade do aire do municipio. Lembrou o rexedor que grazas ao programa TRAFAIR estanse instalando sensores de calidade do aire nas zonas de meirande intensidade de circulación, algúns dos cales están xa en funcionamento. Isto proporcionará unha imaxe en tempo real das condicións do aire nos momentos de maior conxestión do tráfico, para así poder determinar unha mellor e mais eficiente xestión destes fluxos.

O acto de entrega dos premios, que contará con representación institucional na plantación dunha árbore como símbolo da renaturalización das cidades, realizarase cando a situación sanitaria o permita.

Sobre o proxecto

TRAFAIR (Understanding Traffic Flows to Improve Air Quality) é un proxecto europeo no que, amais da USC a través do CiTIUS e o CRETUS (Cross-disciplinary Research in Environmental Technologies), e xunto ao Concello de Santiago de Compostela, participan tamén o CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia) e outros seis socios europeos. O seu obxectivo é estudar a calidade do aire en función das condicións climatolóxicas e do tráfico rodado. Os resultados que se acaden permitirán ás administracións ter datos que permitan cuantificar a polución no aire e o xeito en que se distribúe polas cidades; e adoptar as medidas necesarias para diminuír dito impacto. Ao mesmo tempo, permite concienciar a cidadanía e as institucións públicas sobre a calidade do aire que respiramos.