Primeira xeración de expertos en Intelixencia Artificial explicable

O CiTIUS acolle a reunión de lanzamento do proxecto NL4XAI, que vén de arrincar en Santiago de Compostela.

A nova Rede de Formación Europea (ETN) H2020 MSCA liderada polo CiTIUS, un proxecto transnacional financiado con 2,8 millóns de euros e coordinado polo equipo de investigación encabezado polo profesor Senén Barro, comezou oficialmente a súa andaina despois da primeira reunión de traballo celebrada o pasado 10 de outubro no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela (CiTIUS-USC).

O obxectivo do proxecto NL4XAI é formar a 11 investigadores creativos, emprendedores e innovadores en etapas temperás (ESR), que afrontarán o desafío de deseñar e implementar unha nova xeración de sistemas de Intelixencia artificial (IA) ‘autoexplicativos’ durante os próximos 4 anos. Todos eles estarán orientados a facer que a IA sexa quen de explicarse por si mesma e, por tanto, contribuirán a traducir o coñecemento en produtos e servizos tanxibles para beneficio económico e social, co apoio dos sistemas de IA explicable (XAI). Ademais, outro dos focos do proxecto NL4XAI estará na xeración automática de explicacións interactivas en Linguaxe Natural (NL), tal e como o fan os humanos de xeito natural, e como complemento ás ferramentas de visualización (gráficas, datos numéricos, etc). Como resultado, espérase que os ESR fagan accesible o uso de modelos e técnicas de IA, mesmo a usuarios non expertos.

O plan de incorporación destes investigadores ESR, que xa está en marcha, dará pronto lugar a unha oferta pública de emprego a nivel mundial, que se lanzará a principios de decembro de 2019.

Membros da iniciativa

O proxecto NL4XAI está composto por 17 socios de 6 países europeos diferentes (Reino Unido, Malta, Países Baixos, Polonia, Francia e España). Os socios corresponden a 3 centros nacionais de I+D (IIIA-CSIC, CNRS-LOIRA, IFIS-PAN), 8 universidades (Universidade de Aberdeen, TU Delft, Universidade de Malta, Universidade de Utrecht, Universidade de Twente, Universidade de Lorraine, Universidade de Dundee, USC) e 6 empresas privadas (Indra, Accenture, Orange, Wizenoze, Arria, InfoSuport).

De entre eles, 14 destes 17 socios estiveron representados na reunión de lanzamento celebrada recentemente en Santiago de Compostela, na que se trazou o plan do proxecto e definiron os principais puntos de acción a desenvolver nos próximos meses.

This project has received funding from the European Union’s Horizon 2020 research and innovation programme under the Marie Skłodowska-Curie grant agreement No 860621

This communication reflects only the author's view and that the Agency and the Commission are not responsible for any use that may be made of the information it contains.