Tecnoloxía pioneira para reducir a mortalidade nas estradas, proxecto ADAPTA

A incorporación de sistemas intelixentes no automóbil permítenos mellorar a protección dos seus ocupantes ante colisións laterais, o tipo de colisión con maior número de mortes en España.

O sistema Pre-Crash ADAPTA foi integrado nun vehículo SEAT Altea para a validación final do conxunto de tecnoloxías incorporadas. Entre os sistemas de protección destaca un airbag lateral externo, un asento móbil e unha barra lateral inchable. Todos estes equipos actívanse uns milisegundos antes de que teña lugar a colisión lateral, grazas aos sistemas de detección incorporados no vehículo.

O CITIUS participou en ADAPTA contribuíndo, xunto coa empresa Anafocus, no desenvolvemento dos sistemas de visión artificial exteriores para a detección de colisións laterais. Este sistema de visión exterior permite detectar obxectos que se achegan ao automóbil e extraer información en 3D dos mesmos, incluíndo a velocidade e a posición dos obxectos, todo iso en tempo real. Á súa vez, Anafocus tamén desenvolveu o sistema interior de visión artificial que permite coñecer o número de ocupantes do vehículo, a súa posición e a súa complexión. Os dous sistemas están baseados en sensores con múltiples procesadores embebidos, que permiten analizar as imaxes a maior velocidade. A información 3D estereoscópica obtida é enviada ao sistema de control do vehículo encargado de activar os sistemas de protección en caso de perigo de colisión.

O sistema ADAPTA foi probado polo consorcio en ensaios con maniquís nos que se demostrou a eficacia do sistema, reducindo en máis do 30% as lesións torácicas sufridas polos ocupantes do automóbil. Isto redunda nunha menor gravidade das lesións e, en consecuencia, nun menor número de falecementos a causa dunha colisión lateral nos accidentes de tráfico.