Yago Fontenla acada unha axuda estatal para desenvolver a súa tese

O investigador do CiTIUS obtén o respaldo do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, que financiará o seu traballo doutoral durante os próximos catros anos.

Yago Fontenla Seco, investigador predoutoral do CiTIUS na área de Técnicas de xeración de linguaxe natural e minería de procesos, vén de acadar unha das Axudas para contratos predoutorais para a formación de doutores 2018 (antigas FPI), que financia o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades no marco do Plan Estatal de Investigación Científica e Técnica e Innovación 2017-2020.

Graduado en Enxeñería Informática pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e máster en Investigación en Intelixencia artificial pola AEPIA, Yago iniciou a súa carreira investigadora no CiTIUS a través da convocatoria Talentum Startups, unha iniciativa promovida por Telefónica para o fomento da actividade investigadora. Na actualidade, traballa como doutorando en técnicas de xeración de linguaxe natural e minería de procesos, baixo a dirección dos investigadores do CiTIUS Alberto Bugarín e Manuel Lama.

Distinto nome, idéntica finalidade

As 'novas' axudas teñen como obxectivo a formación de doutores mediante o financiamento de contratos laborais, co fin de que investigadores en formación realicen unha tese doutoral asociada a un proxecto de investigación financiado polas axudas destinadas a proxectos de I+D. Deste xeito, o contrato de Yago estará vinculado ao proxecto BIGBISC: Achegando Intelixencia aos procesos de negocio mediante soft computing en escenarios Big Data: un consorcio liderado polo CiTIUS co que se pretende crear novos algoritmos de minería de procesos e data-to-text baseados en técnicas de soft computing, co propósito de que se integren máis tarde nunha nova infraestrutura de soporte á intelixencia de negocio en escenarios Big Data.

Entre a dotación do Programa Estatal de Promoción do Talento e a súa Empregabilidade do Plan Estatal de I+D+i que financiará o seu traballo de tese inclúese tamén unha partida para a realización dunha estancia en centros de España ou o estranxeiro, o que abre novas vías para mellorar os seus coñecementos e capacitación investigadora ao longo da súa formación doutoral.