
Emprendelab: «España 3.0: o ecosistema emprendedor en España».
Emprendelab, o ciclo de conferencias e obradoiros sobre emprendemento organizado polo CiTIUS, recibirá o próximo luns a visita dun experto en economía internacional. Javier Santiso, Director de Global Affairs & New Ventures en Telefónica (Asuntos Mundiales & Novas Empresas) falará sobre o futuro do emprendemento en España, ó longo dun relatorio que terá lugar no salón de actos do centro o vindeiro luns, 11 de marzo.
Santiso é fundador de Start Up Spain, unha iniciativa privada posta en marcha co fin de desenvolver novas vías de financiamento para as start-ups españolas. Avalada polo éxito de programas similares como Start Up Chile, ou Start Up America, Start Up Spain dispón xa dun primeiro programa consistente en axudar a investidores tradicionais na monitorización e avaliación de proxectos de internet nas etapas iniciais, asesorándoos para que estes poidan gañar en valor engadido.
A xuízo do poñente, o país vive un momento crucial: «España afronta importantes retos: as taxas de paro, en particular o desemprego xuvenil, son inaceptables, e teñen un efecto demoledor sobre toda unha xeración». Neste contexto, Santiso considera que é fundamental apostar pola innovación, e contribuír á construción dunha mentalidade máis emprendedora. «Europa en xeral, e España en particular, deben crear os estímulos precisos para que poida establecerse un modelo de crecemento sustentable, de cara a xeracións futuras».
Malia todo, Santiso conclúe que hai razóns para ser optimistas: «España non é o pesadelo que pintan os titulares, hai que destruír os mitos e aproveitar as oportunidades que nos ofrece este entorno adverso, para fortalecer o ecosistema emprendedor e convertermos nun país de creación, innovación e emprendemento».
Prestixio a nivel mundial
Javier Santiso foi director do Centro de Desenvolvemento da OCDE (Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico) entre os anos 2007 e 2010, un organismo creado para promover o diálogo sobre cuestións como o financiamento ó desenvolvemento e a contribución privada neste eido. No ano 2009 foi recoñecido como YGL (Young Global Leader, Novos Líderes Globais), polo Foro Económico Mundial de Davos.
Evento presencial
lunes, 11 de marzo de 2013
1362960000000
/events/emprendelab-espana-3-0-o-ecosistema-emprendedor-en-espana
events_es