O CiTIUS lanza ‘Mentes Singulares’, un novo videopodcast multiplataforma producido integramente no centro

O proxecto nace coa vocación de crear un espazo de opinión e debate sobre cuestións relacionadas coas principais liñas científicas do CiTIUS, poñendo de relevo o labor desempeñado polas persoas que traballan no Centro de investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

O CiTIUS despide o ano 2021 apostando por  un novo formato de comunicación, producido na súa totalidade polo centro: el videopodcast Mentes Singulares non afrontará unicamente o reto de entreter ao público interesado nas diferentes temáticas que se debaterán ao longo da temporada (intelixencia artificial, deseño microelectrónico, realidade aumentada, etc.), senón que aspira a converterse, tamén, nun altofalante de prestixio para a comunidade científica. Para logralo, tomará como punto de partida cuestións de máxima actualidade relacionadas con distintos labores de investigación actualmente activas no CiTIUS.

Cunha duración aproximada de entre 45 e 60 minutos, cada programa reunirá rostros do centro xunto a persoas convidadas do mundo da ciencia, as letras, a cultura ou o mundo da empresa. Os programas organizaranse ao redor de temáticas de interese relacionadas coas capacidades e proxectos que se están a desenvolver no CiTIUS (aprendizaxe automática, computación avanzada, e-Saúde…) e darán pé ao debate e a reflexión sobre cuestións de actualidade de alto interese social.

Para facilitar o acceso a  os contidos e favorecer a versatilidade ante os usuarios, Mentes singulares foi concibido como un produto multicanal, polo que pode seguirse tanto desde a súa plataforma orixinal de vídeo (Youtube) como a través das principais plataformas de consumo de podcasts (Spotify, TuneIn, iVoox, Google Podcasts e Apple podcasts).