«Servando» entra en fase de validación cun ensaio entre pacientes afectados por insuficiencia cardíaca

O proxecto está dirixido polo investigador do CiTIUS Paulo Félix, e o seu potencial no ámbito socioeconómico mereceu xa o recoñecemento do Comité Externo da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que o seleccionou para participar no programa «Acelerador de Transferencia». Esta iniciativa, xestionada dende a Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC pretende reducir a fenda existente entre os resultados finais das investigacións científicas e as demandas concretas do tecido empresarial, facilitando así o proceso de transferencia tecnolóxica.

Preto de dous millóns de persoas morren cada ano en Europa como consecuencia dalgún tipo de afección cardíaca. As enfermidades cardiovasculares disparan a taxa de mortalidade nos países desenvolvidos, constituíndo a primeira causa de falecemento nos EEUU e o continente europeo.