Un software específico desenvolvido no CiTIUS mellorará os sistemas de detección de aneurismas na aorta

Unha tese doutoral realizada no CiTIUS permitiu o deseño, desenvolvemento e avaliación clínica dun novo sistema automático para a detección de alteracións na aorta torácica. O traballo de Juan Antonio Martínez Mera, que obtivo a máxima nota académica (sobresaliente Cum Laude), facilitará á comunidade médica a obtención de resultados clínicos interpretables de xeito totalmente automático, e gracias a esta nova ferramenta os especialistas poderán ver reducida a súa carga de traballo, axilizando así o proceso de diagnóstico e prevención.

A aorta é a arteria principal do corpo humano, o vaso sanguíneo de meirande importancia e tamaño encargado de transportar o sangue por todo o organismo, polo que o seu estudo e análise son de vital importancia na prevención de graves patoloxías asociadas. A máis común delas é o aneurisma, unha dilatación permanente nalgún punto da arteria que presenta un elevado risco de ruptura (74%), alcanzando unha alarmante taxa de mortalidade do 90% nos casos nos que esta chega a producirse.

Na actualidade, o diagnóstico dun aneurisma implica o uso dun software comercial, que calcula os diámetros normais da arteria buscando posibles alteracións. Non obstante, este sistema carrexa unha serie de inconvenientes: obriga o especialista a marcar distintos puntos manualmente (empregando para iso cando menos 20 minutos en cada caso) e condiciona o resultado final, que pode variar en función de onde sitúe o radiólogo os puntos de orixe; trátase, polo tanto, dun sistema cunha serie de limitacións, que fan imprescindible a intervención do especialista no proceso de análise arterial.

O traballo de Martínez Mera fixo posible o desenvolvemento dun software específico para este propósito, que libera o sistema da intervención manual: partindo de medicións clínicas sobre imaxes obtidas dos estudos médicos dun paciente real non só permite o diagnóstico, senón que brinda, ademais, a posibilidade de realizar un seguimento da patoloxía.