Unha investigadora do CiTIUS acada o primeiro título de propiedade industrial dunha topografía de semicondutores para unha universidade española

A investigadora do CiTIUS Paula López Martínez obtivo, a través da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC, o primeiro título de propiedade industrial dunha topografía de semicondutores lograda por unha universidade española. A topografía de semicondutores, que garda o deseño dos circuítos integrados, serve neste caso para protexer unha estrutura que emprega transistores tipo “donut” con xeometrías cadrada, hexagonal e octogonal para amplificadores de alta velocidade e que presentan maiores prestacións que os transistores de topoloxía convencional.

Paula López forma parte do Grupo de Visión Artificial do CiTIUS, que conta cunha ampla experiencia no deseño e fabricación de circuítos integrados para tarefas de visión artificial, tales como cámaras de alta velocidade e sistemas de videovixilancia.

Topografía de produtos semicondutores

Os títulos de protección de topografías de produtos semicondutores son a tipoloxía de propiedade industrial máis recente e refírese aos circuítos integrados electrónicos. O seu obxectivo é protexer o esquema de trazado das capas e elementos que compoñen o circuíto integrado, a súa disposición tridimensional e interconexións, é dicir, os elementos que constitúen a súa "topografía". Esta clase de propiedade industrial ten unha duración de dez anos a partir da fin do ano en que se rexistra a topografía ou se explota por primeira vez.