Conferencia - A sinapse como elemento de computación neuronal

No mundo das redes neuronais artificiais a sinapse é un elemento xeralmente infraempregado dende un punto de vista computacional, especialmente en redes de aplicación a problemas reais. A maior parte das aproximacións empregan a sinapse como meros ponderadores das sinais que circulan por elas, cargando toda a tarefa de computación sobre as funcións que realizan os nodos ou neuronas. Só se soen encontrar sinapses que realizan algún tipo de computación máis elaborada en aproximacións complexas que buscan un modelado máis fidedigno do funcionamento das redes neuronais naturais, aínda que este tipo de sistemas poucas veces foron aplicados a problemas industriais reais debido á súa complexidade computacional. Nesta charla procúrase resaltar o potencial da computación sináptica como medio para mellorar as capacidades de procesado dos sistemas baseados en redes neuronais artificiais e como vía de adaptación ás características específicas dos problemas que van abordar. Para elo, a presentación centrarase en dous ámbitos específicos: o procesado temporal e os procesos de selección de entradas e intervalos en problemas de alta dimensionalidade. Comentaranse algunhas estratexias básicas para o adestramento destas redes e presentaranse diversos casos de aplicación das mesmas en actividades industriais e de instrumentación reais.