Conferencia: «Ada Lovelace e as pioneiras informáticas»

Neste relatorio farei un percorrido polos inicios da informática, poñendo de manifesto que unha ciencia que nestes momentos ten unha brecha de xénero tan marcada, non só foi iniciada por unha muller, Ada Lovelace, senón que nos seus inicios contou con figuras fundamentais como Joan Clarke, quen descifrou o código Enigma xunto a Alan Turing utilizando as primeiras versións de computadores como o Colossus británico, ou o ENIAC estadounidense, que eran manexados totalmente por mulleres.

Traballando dende a Armada ou dende a NASA, personaxes como Dorothy Vaughan ou Grace Hopper desenvolveron as primeiras linguaxes de programación como o FORTRAM ou o COBOL; ou dende a sociedade civil, os traballos de Hedy Lamarr sobre o espectro ensanchado, para protexer as comunicacións cos misiles durante a II guerra mundial, que son a base da actual wifi; ou Evelyn Berezin, quen creou en 1953 o que é considerado o primeiro ordenador de oficina,

Moitas outras mulleres veñen facendo dende mediados do século XX distintas aportacións non só importantes, senón fundamentais para os avances que conduciron á informática ao estado no que se atopa nestes momentos.

Tamén se fará unha pequena reflexión sobre as causas e motivos polos que, sendo tantas e tan importantes, foron e están sendo totalmente invisibilizadas, e cada vez máis se está a considerar a informática unha ciencia absolutamente masculina, que resulta cada vez menos atractiva ás estudiantes.