Conferencia: «Aproximación da Universidade de Évora ós sistemas de pregunta-resposta»

O CiTIUS recibirá o vindeiro 8 de xullo a visita do profesor da Universidade de Évora Paulo Quaresma, investigador na área do Procesamento de Lingua Natural que desenvolve a súa a actividade investigadora no eido das aproximacións mixtas, simbólicas e de aprendizaxe automática.

A Universidade de Évora leva desenvolvendo sistemas de pregunta-resposta sobre o contido de textos en Lingua Natural dende o ano 2004, tendo participado activamente en varios foros internacioanais de avaliación, nomeadamente no CLEF (Cross Language Evaluatiom Forum). A aproximación privilexiada está baseada nunha fonda análise dos textos, incluíndo unha análise lexical, sintáctica e semántica (parcial), e a interpretación semántico-pragmática dos textos, recorrendo a ontoloxías externas.

Como resultado desta análise, xorden bases de coñecemento que soportan procesos de inferencia e resposta a preguntas específicas. Nos últimos anos estase a avanzar cara a desenvolver sistemas mixtos, que integran este tipo de análise con aproximacións máis superficiais, e de cariz máis heurístico, tratando de acadar respostas cando falla o proceso de fonda análise lingüística.

Na conferencia analizaranse as principais arquitecturas de sistemas pregunta-resposta, discutindo detalladamente o sistema actual da Universidade de Évora e, nomeadamente, as súas principais características, problemas, e posibles solucións.

Apuntes sobre o conferenciante

Paulo Quaresma é, dende 1997, Profesor Titular no Departamento de Informática da Escola de Ciências e Tecnologia da Universidade de Évora (Portugal). Ten publicados 11 artigos en revistas internacionais, 9 artigos en lbros ou coleccións, e máis de 100 artigos en conferencias internacionais. Foi responsable de máis de 20 accións de divulgación científica en Portugal e no estranxeiro, asi como de varios proxectos de transferencia de tecnoloxía para empresas nacionais e internacionais.