Conferencia: «Inteligencia Colectiva y Aprendizaje Máquina»

Aníbal Figueiras, Doutor Enxeñeiro de Telecomunicacións pola Universidade Politécnica de Barcelona e Catedrático de Universidade dende 1978, pronunciará o próximo xoves no CiTIUS unha conferencia na que se presentarán os conxuntos de máquinas adestrabales como análogos á intelixencia colectiva, discutindo brevemente os algoritmos máis representativos das súas dúas categorías fundamentais.

Esta introdución dará pé á exposición das liñas de I+D abertas neste eido, que serán sistematizadas incluíndo algúns exemplos de avances mediante aproximacións a diferentes niveis. A exposición rematará cunha revisión dos usos e ámbitos de aplicación destas agrupacións de máquinas, concluíndo cuns consellos para orientar ós investigadores que desexen desenvolver a súa actividade neste ámbito.

Traxectoria

Aníbal Figueiras prestou os seus servizos nas Universidades Politécnicas de Cataluña e Madrid, e na Universidade de Santiago de Compostela. Actualmente traballa na Universidade Carlos III de Madrid, onde acumula numerosas responsabilidades académicas (dende direccións de Departamento e Centro, ata cargos como Adxunto ao Reitor).

A súa investigación e docencia oriéntanse cara ás comunicacións dixitais, o tratamento dixital da información e a aprendizaxe máquina, con aplicacións en ámbitos como transmisión, axuda á decisión, minaría de datos e información... así como a xestión de información (en organizacións) e de contidos (en redes de telecomunicacións). Nestas áreas publicou case un centenar de artigos (a inmensa maioría en revistas de alto índice de impacto no "Journal Citation Report"), e preto de trescentos relatorios e comunicacións a congresos. Foi editor de números monográficos en revistas e actas de congresos para prestixiosas asociacións internacionais (IEEE, Eurasip, etc.) e dirixiu vinte e oito teses doutorais. Publicou dous libros como autor, e oito como editor.

O seu labor investigador desenvolveuse mediante a dirección de 17 proxectos e contratos de I+D internacionais, 50 nacionais, e a súa participación en moitos outros. O profesor Figueiras traballa así mesmo como consultor e avaliador para numerosos organismos e publicacións, nacionais e internacionais. Ao longo da súa vida académica recibiu varias distincións.