Conferencia: «O que todo investigador debería saber sobre propiedade industrial e acordos con empresas»
Fernando Pardo, técnico de transferencia de tecnoloxía da USC, exporá o vindeiro 3 de maio no CiTIUS algúns dos conceptos relacionados coa xestión da propiedade industrial -ou intelectual- xurdida a partir dos resultados de investigacións científicas.
O obxectivo desta conferencia será dar unha visión global sobre estas cuestións, facendo un percorrido polos seguintes aspectos:
- Mitos sobre as patentes.
- Acordos de licenza de tecnoloxía e tipos de cláusulas.
- Acordos de confidencialidade.
- Boas prácticas.
As patentes constituirán o eixo central do relatorio, tratando de clarexar as posibles dúbidas que poidan ter os investigadores neste ámbito. O obxectivo é eliminar posibles prexuízos e remarcar a necesidade de protexer os resultados das súas investigacións, de cara a xerar valor a partir dun proceso de transferencia ao tecido industrial.
Tamén se abordarán cuestións como a tipoloxía de cláusulas que inclúen os acordos de transferencia de tecnoloxía (exclusividade, territorialidade, aspectos económicos...etc) salientando a importancia de pechar acordos de confidencialidade antes de intercambiar información sensible coas empresas; así mesmo, exporanse algunhas pautas sobre boas prácticas á hora de tratar con estas.
A conferencia pretende sensibilizar os investigadores na idea da transferencia tecnolóxica coma fonte de financiamento dos grupos de investigación, a través da repartición establecida en aplicación do regulamento de patentes da USC.
Fernando Pardo
Fernando Rafael Pardo Seco é Doutor en Física pola Universidade de Santiago de Compostela, e desenvolveu a súa actividade investigadora no Departamento de Electrónica e Computación da USC e na Universidade de Valladolid. Actualmente traballa na Área de Valorización, Transferencia e Emprendimiento (AVTE) da USC, xestionando a propiedade intelectual e industrial, e os acordos de transferencia tecnolóxica.
On-site event
/events/conferencia-o-que-todo-investigador-deberia-saber-sobre-propiedade-industrial-e-acordos-con-empresas
events_en