Conferencia sobre o modelo de calidade CMMI: «CMMI na Investigación en TI - Calidade ou sobreesforzo»
José Luis Iparraguirre, experto en mellora de procesos de desenvolvemento de software, visitará o CiTIUS o próximo xoves 24 de xaneiro para pronunciar unha conferencia sobre o modelo de calidade CMMI (Capability Maturity Model Integration – Integración de Modelos de Madurez de Capacidades).
Na conferencia, discutiranse as singularidades que caracterizan ós proxectos de investigación e pre-competitivos na actualidade, e que os diferencian dos proxectos de desenvolvemento e enxeñaría convencionais. Nesta contorna, o estándar CMMI preséntase como unha oportunidade para tratar con proxectos cada vez máis complexos, debido á integración de equipos humanos multidisciplinares e ás restricións derivadas do uso compartido de sofisticados equipos e materiais. Ademais, tamén axuda no seguimento da validez dos obxectivos definidos, e permite adaptalos en caso necesario ás expectativas cambiantes da súa contorna.
Iparraguirre explicará as orixes do CMMI, nun repaso das persoas e circunstancias que axudaron a definilo, e afondará nas prácticas necesarias para a xestión eficiente dos proxectos e o desenvolvemento de produtos de calidade.
A conferencia centrarase nos niveis intermedios do CMMI: o nivel 2, que aborda a Xestión do Proxecto: e o Nivel 3, destinado a avaliar o rigor na enxeñaría. Non obstante, proporase tamén unha reflexión sobre a a adecuación a este tipo de proxectos dos niveis de madurez máis altos (4 e 5).
José Luis Iparraguirre iniciou a súa exposición ó modelo CMMI en 1988, e dende 1994 traballa como consultor para a mellora de procesos de desenvolvemento de software, de sistemas, para a presentación de servizos e para adquisición de proxectos e sistemas.
Nos últimos cinco anos realizou 25 avaliacións de Alto Nivel nos Estados Unidos, Xapón, Rusia, Ucraína, México, Nova Celandia, Arxentina, Uruguai, Chile, España e Portugal; e 60 avaliacións de niveis 2 e 3 en Inglaterra, Alemaña, Suíza, Brasil e Sudáfrica.
On-site event
/events/conferencia-sobre-o-modelo-de-calidade-cmmi-cmmi-na-investigacion-en-ti-calidade-ou-sobreesforzo
events_en