Defensa de Tese: «Minería de modelos de procesos completos precisos e simples»

Un proceso de negocio enténdese como un conxunto de actividades estructuradas e relacionadas entre sí que producen un resultado específico como, por exemplo, un produto ou un servizo e que son levadas a cabo por un conxunto de axentes para lograr un propósito. Un exemplo, no ámbito educativo, é o deseño dun curso de aprendizaxe: un proceso no que os alumnos deben realizar unha serie de actividades educativas, caso da publicación en foros, facer exercicios e exames, etc., co gallo de acadar uns obxectivos pedagóxicos. Polo xeral, estes procesos teñen una descrición detallada, é dicir, hai un deseño no que se describen claramente as súas actividades e os actores que participan nestes pasos.

Desafortunadamente, pode haber diferenzas entre o modelo de proceso deseñado e a súa execución na realidade. Seguindo co exemplo anterior, os estudantes poden levar a cabo actividades de aprendizaxe adicionais, como revisar a bibliografía ou interactuar con outros estudantes, a maiores das que se especifica explicitamente no proceso de aprendizaxe deseñado por un profesor. A descoberta de procesos emprégase xeralmente para identificar o proceso subxacente que se seguiu para acadar un obxectivo. En xeral, os algoritmos que buscan descubrir este modelo de proceso subxacente parten dun rexistro de eventos.

Dentro deste contexto, podemos identificar dous temas principais de interese na presente tese de doutoramento. Por un lado, a descuberta de modelos de proceso que poidan reproducir todo o comportamento posible almacenado nun rexistro de eventos, sen introducir comportamento extra. Por outro lado, preténdese reducir a complexidade dos modelos extraídos co fin de mellorar a súa interpretabilidade. Deste xeito, o principal obxectivo da presente tese pode ser resumido na busca de modelos de procesos tendo en conta a completitude, precisión e simplicidade, prestando especial atención na recuperación de modelos de procesos altamente interpretables.