Escola de Verán: '4th International DSM - Domain Specific Modeling'

Entre os días 2 e 6 do vindeiro mes de setembro, o CiTIUS acollerá a IV Escola de Verán Internacional en Linguaxes de Dominio Específico (DSM-TP 2013), organizado polas seguintes institucións:

  • CiTIUS
  • Departamento de Informática da Faculdade de Ciencias e Tecnoloxía da Universidade Nova de Lisboa, Portugal.
  • Software Modeling and Verification - SMV group da Universidade de Xenebra, Suíza.
  • Modelling, Simulation and Design Lab - MSDL da Universidade McGill, Canadá.
  • Universidade de Antwerp, Bélxica.
  • GSI (Grupo de Sistemas de Información, Information Systems Group) do INESC-IDE/IST, Portugal.

A través dos relatorios e obradoiros que a configuran, esta escola de verán permitirá afondar nos diferentes aspectos do Modelado Específico de Dominios (DSM). O DSM é unha aproximación metodolóxica que xurdiu para enfrontarse á complexidade accidental do desenvolvemento de sistemas, facilitando a simulación dos modelos do dominio e a comprensión das relacións dos elementos que interveñen nos sistemas. Na metodoloxía DSM, os modelos e as transformacións entre modelos -expresadas nos formalismos axeitados-, funcionan como ferramentas, ao contrario de como sucede nas aproximacións habituais (nas que o seu papel se limita á simple documentación). Deste xeito, os modelos convértense no elemento fundamental para a abstracción do mundo.

DSM está a atraer grande interese tanto da industria coma da academia. Os dominios de aplicación abranguen: Sistemas Interactivos, Sistemas de Tempo Real, Web 2.0, Arquitectura de Negocio, Xogos, Automatización Industrial, Co-Deseño Hardware Software, Mecatrónica, Modelado de Negocio, Requirimentos de Enxeñaría ou mesmo Deseño de Procesos. Por outra banda, as principais liñas de investigación da academia céntranse no desenvolvemento dos elementos fundacionais, a sistematización das diferentes aproximacións, e as ferramentas para soportar a Simulación e a Verificación (a revisión de modelos e o testeo destes).

Ao longo dos cinco días de curso, os principais expertos en DSM a nivel internacional presentarán en Santiago as liñas mestras desta metodoloxía, así como as súas principais aplicacións. Entre os relatores atópanse personalidades tan sobranceiras como Didier Buchs, da Universidade de Xenebra; Ethan Jackson, de Microsoft Research; Eugener Syriani, da Universidade de Alabama; Vasco Amaral, Miguel Goulão, Bruno Barroca ou Mauricio Alférez, da Universidade Nova de Lisboa; ou Paulo Carreira, da Universidade Técnica de Lisboa -entre outros-.

A organización lembra que as prazas son limitadas. Os interesados en asistir ao curso deben formalizar o proceso de matrícula seguindo as indicacións recollidas na web desta escola de verán: http://www.dsm-tp.org.