Escola de Verán: «Big Data & Data Science»

O vindeiro martes, 16 de xullo, dará comezo na Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) o curso de verán Big Data & Data Science (http://eventos.citius.usc.es/bigdata/), organizado polo CiTIUS e dirixido polos profesores da USC adscritos ao centro Tomás Fernández Pena e José Ramón Ríos Viqueira. O curso estrutúrase nunha serie de conferencias, mesas redondas e talleres para abordar o mundo Big Data & Data Science dende unha perspectiva científica e tecnolóxica, co obxectivo de ofrecer unha visión actual tanto das principais aplicacións desta tecnoloxía coma do seu desenvolvemento no futuro.

Ao longo dos catro días de curso, diferentes expertos de prestixio internacional debaterán en Santiago sobre esta temática, tratando as liñas de investigación emerxentes e os ámbitos de aplicación máis salientables. Estes recoñecidos expertos disertarán sobre cuestións relacionadas cos retos que se afrontan na actualidade para avanzar no uso destas ferramentas tecnolóxicas.

A conferencia inaugural do curso correrá a cargo de Roi Blanco, de Yahoo!Labs e abordará o presente e o futuro do Big Data & Data Science. Outras conferencias destacables serán as impartidas por relatores como Hugo Zaragoza, da empresa Web Says, que falará sobre os desafíos que presenta a análise da información asociada á Web Social; Diego López de Ipiña, da Universidade de Deusto, que amosará algunhas solucións do novo paradigma «Non-SQL» para o acceso eficiente a grandes cantidades de datos non estruturados; Jorge Amigo, do Grupo de Medicina Genómica da Universidade de Santiago, que exporá os retos vinculados á análise da información que se está a xerar no ámbito da Bioinformática; Fernando Cucchietti, do Centro de Supercomputación de Barcelona, que describirá os desafíos que implica a visualización de información no universo do Big Data (BD), ou Miquel Sànchez-Marrè que elucidará as técnicas de Análise Intelixente de Datos e a súa relación con esta tecnoloxía.

No curso trataranse tamén algunhas das liñas de interese emerxentes, como o papel do Cloud Computing no BD, a Web Semántica e o Linked Data, a Recuperación de Información na Web ou o manexo de información xeoespacial, entre outras. Inclúense, ademais, diferentes obradoiros prácticos, nos que se facilitará unha introdución a algunhas das ferramentas informáticas máis punteiras na análise e o manexo de grandes cantidades de datos, como Lucene, Cassandra, Hadoop ou Weka.

O curso, que conta co patrocinio da compañía galega Bahía Software, completarase cunha serie de mesas redondas nas que participarán sobranceiros expertos no ámbito do Big Data (procedentes de Universidades, entes públicos e empresas privadas). Nelas debateranse diferentes aspectos relacionados co impacto que supón o manexo de cantidades inxentes de información, tanto a nivel investigador coma dende un punto de vista social e empresarial.