O CITIUS organiza un taller de robótica no Museo Domus - Casa do Home da Coruña

A Domus acollerá o vindeiro 17 de xullo a actividade 'Obradoirobot', un taller organizado pola Unidade de Sistemas Intelixentes do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información da Universidade de Santiago de Compostela (CITIUS) no que se desenvolverán xogos cun robot móbil guiado por intelixencia artificial.

As persoas interesadas en participar poden inscribirse chamando ao teléfono 981 189 840 e apuntarse así a unha das dúas sesións que se celebrarán o día 17: a primeira de 11.30 a 13.30 horas e a segunda de 17.30 a 19.30 horas. O obxectivo desta actividade é que os asistentes poidan aprender algunhas das bases tecnolóxicas da robótica móbil dun xeito participativo e lúdico.

Mediante diferentes talleres, amosaránselles aos participantes os fundamentos que permiten dotar a un robot móbil con capacidade sensorial da posibilidade de realizar percorridos dun xeito intelixente, ou como interactuar co robot mediante comandos visuais que guíen as súas actividades. Nos talleres empregaranse robots móbiles reais Pioneer 3DX y 3AT, de MobileRobots.

Esta actividade de difusión científico-tecnolóxica está organizada pola Unidade de Sistemas Intelixentes do CITIUS e conta co cofinanciamento do programa de axudas para o fomento da cultura científica e da innovación da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT).