Presentación: «A túa Tese en 3 minutos (T3M)»
A Rede Ática (Rede Temática Española para o avance e a transferencia da intelixencia computacional aplicada) presentará no CiTIUS o próximo venres, 31 de maio, a competición «A túa Tese en Tres Minutos (T3M)», unha iniciativa de divulgación científica dirixida a investigadores en formación cuxa tese trate algún aspecto de intelixencia computacional. O encargado de expoñer as bases do concurso será Alberto Bugarín, membro da coordinadora da Rede Ática e investigador adscrito ao centro, nunha presentación dirixida a calquera investigador interesado en participar neste certame.
O proxecto, que nace co obxectivo de achegar a área da Intelixencia Computacional á sociedade, pretende estimular as aptitudes comunicativas dos mozos investigadores, tratando de sensibilizalos na importancia de difundir axeitadamente os seus traballos científicos.
Os participantes deberán explicar a súa investigación nun tempo limitado e do xeito máis pedagóxico posible, evitando os tecnicismos e presentando os seus estudos nunha linguaxe comprensible para o gran público, que estará representado polas persoas presentes na sala o día da súa intervención, así como por un xurado formado por expertos en comunicación científica e técnica.
Para facelo, disporán de tres minutos, un micrófono e o único soporte visual dunha diapositiva de fondo, que non poderá contar con ningún tipo de contido dinámico susceptible de distraer a audiencia. Dotados da palabra como única ferramenta de comunicación, os aspirantes deberán facer gala das súas mellores habilidades para transmitir as achegas do seu traballo ao mundo da ciencia (e á sociedade) dun xeito didáctico e sinxelo.
O prazo de presentación de candidaturas comezou o pasado 15 de maio, e permanecerá aberto ata o 10 de setembro de 2013. Nesta primeira fase, os potenciais concursantes deberán enviar unha proposta en formato vídeo, que servirá de argumento ao xurado para seleccionar os finalistas; a votación terá lugar entre os días 15 e 30 de setembro, e os participantes seleccionados participarán na fase final, que se celebrará en Madrid no mes de novembro.
On-site event
/events/presentacion-a-tua-tese-en-3-minutos-t3m
events_en