Presentación: «Glosario de Termos Esenciais de Arquitectura de Computadores»

«Encamiñador» (Router), «Rañura da Cinta» (Tape Slot) ou «Topoloxía de Bolboreta» (Butterfly Network) son algúns dos exemplos galegos que figuran no novo Glosario de Termos Esenciais de Arquitectura de Computadores, elaborado polo profesor Elisardo Antelo Suárez, do Departamento de Electrónica e Computación, e Xusto Alexandre Rodríguez Ríos, da Área de Terminoloxía - Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

A presentación do traballo terá lugar este xoves, 14 de marzo, no salón de actos do CiTIUS. Amais dos autores, no relatorio estarán presentes o subdirector da ETSE, Francisco Omil, e Francisco Fernández Rivera, investigador do CiTIUS e director do Departamento de Electrónica e Computación. Todos eles falarán das achegas e vantaxes deste novo manual, que estará dispoñible online, de maneira gratuíta, na páxina web do SNL (www.usc.es/snl).

O proxecto xurdiu como  resposta ás demandas da Comisión de Normalización Lingüística da Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE); dende hai tempo, esta comisión viña propoñendo a elaboración dun glosario «galego-español-inglés», que puidera ser utilizado nos distintos ámbitos de coñecemento implicados na docencia e na investigación do centro.

O principal obxectivo deste glosario é ofrecer material de referencia que facilite o emprego do galego no ámbito académico, pero resultará tamén de grande utilidade para axudar á comprensión da bibliografía técnica que o alumnado debe manexar durante os seus estudos -escrita maioritariamente en inglés-. O volume trata de recoller a terminoloxía fundamental empregada no eido da arquitectura de computadores, aínda que dado o  grao de innovación tecnolóxica deste sector, requirirá actualizacións e modificacións periódicas.

A previsible frecuencia destas correccións (como incorporar e nomear as novas tecnoloxías que vaian agromando, suprimir algúns termos que perdan a súa vixencia, etc) foi a principal razón para desbotar a edición en papel. Debido o alto custe que esta supuña, e ás dificultades para ser revisada, finalmente a edición do libro levouse a cabo exclusivamente en soporte electrónico.

Os autores do glosario agardan que esta iniciativa da ETSE non quede aquí, senón que en meses e anos vindeiros outros traballos semellantes poidan ver a luz para favorecer o uso do galego en contextos técnicos. Segundo os seus creadores, «agardamos que estes Termos Esenciais sexan un traballo comentado, discutido, criticado, corrixido... Todo iso quererá dicir que é utilizado, e só nese caso o tempo e os recursos dedicados á súa elaboración pagarán a pena».