Relatorio: «Como facer nada para aforrar enerxía en Computación Matricial»

Abstract

O consumo de enerxía converteuse nun reto que a comunidade traballando en computación de altas prestacións debe afrontar, se queremos gozar dun computador Exaescala a principios da próxima década. Neste seminario revisaremos diversos aspectos relacionados co consumo de enerxía en procesadores multi-core e many-core (GPUs). En particular, introduciremos un simple modelo para a disipación de potencia, e diversas ferramentas que permiten compoñer un ámbito de avaliación do consumo. A partir destes elementos, usando datos experimentais, analizaremos as reducións de consumo potencial e real que poden conseguirse durante a execución de operacións de computación matricial sobre este tipo de plataformas, cando os períodos de inactividade se utilizan para promover os núcleos computacionais a un estado de aforro de enerxía.

Sobre Enrique

Enrique Quintana é Catedrático da Área de Arquitectura e Tecnoloxía de Computadores (ATC) na Universidade Jaume I de Castelló. Conta con máis de 70 publicacións en revistas internacionais, e participou en proxectos nacionais e europeos dende 1992. Na actualidade forma parte dun consorcio europeo sobre aforro de enerxía en métodos numéricos, xunto a socios como IBM, o Centro de Supercomputación de Suíza, e as universidades de Heidelberg e Hamburgo. A súa traxectoria investigadora inclúe contratos con empresas punteiras como Petapath, Catón, Microsoft ou Mellanox, sendo recoñecida en dúas ocasións con senllos premios: NASA e NVIDIA.