Relatorio: 'Teledetección en Internet: multiplicando a precisión das estatísticas de conectividade dixital mediante análise xeospacial e datos abertos'

A adopción masiva de Internet aumentou a demanda de explicacións científicas sobre os efectos da dixitalización. Cal é o impacto das redes sociais nas eleccións e na polarización? Mellora a robotización a produtividade económica, ou xera desemprego e trastornos sociais? Para resolver esas preguntas precisamos datos suficientemente precisos e fiables. As axencias oficiais normalmente fornecen estatísticas anuais e por paises, mais esa precisión é insuficiente posto que non permite avaliar as diverxencias espaciais dentro dun mesmo país (por exemplo, entre zonas rurais e urbanas), como tampouco as que teñen lugar dentro dun mesmo ano (para analizar, por exemplo, os efectos de eventos significativos, ou dinámicas estacionais).

Nesta investigación amosamos como superar estas limitacións empregando unha técnica computacional, recentemente publicada en Science. Analizando o tráfico global de Internet mediante datos abertos e técnicas xeoespaciais, podemos estimar estadísticas de conectividade con precisión semestral e para calquera rexión do planeta, mesmo no caso de réximes autoritarios ou áreas en situación de conflicto bélico. Para garantizar a privacidade e requisitos éticos, empregamos datos abertos e algoritmos de privacidade diferencial. As estatísticas resultantes disponibilizámolas para toda a comunidade investigadora a través do repositorio de datos da Universidade de Harvard. Ao final da charla, exploraremos posibeis colaboracións para mellorar o método computacional, así como potenciais aplicacións para empregar datos de conectividade a Internet.

Sobre o relator

Suso Baleato (doutor en ciencias políticas, enxeñeiro de Linux) está especializado na aplicación de métodos computacionais para a investigación científica e para a análise de políticas públicas. A súa investigación, centrada na medición de Internet e na causalidade da dixitalización, publicouse en medios académicos como Science. Baleato contribúe ao proceso global da política dixital no contexto da OCDE e do G7 / G20, con énfase na privacidade e protección de datos, intelixencia artificial e ciberseguridade. Foi nomeado Postdoctoral Fellow no Institute for Quantitative Social Science (IQSS) da Universidade de Harvard; Oxford Martin Associate no Cybersecurity Capacity Center da Universidade de Oxford; e participa como delegado permanente na Comisión da OCDE sobre as políticas de economía dixital. Baleato ten colaborado coa Sociedade de Metodoloxía Política (POLMETH), a Asociación de Estudos Internacionais (ISA), o Consorcio Europeo de Investigación Política (ECPR), a Midwest Political Science Association Asociación (MPSA), a American Association for the Advancement of Science (AAAS) e é Investigador  Asociado na Universidade de Harvard (Estados Unidos).