T3M CiTIUS: «A túa tese en 3 minutos»

O CiTIUS acollerá o vindeiro xoves a xornada «T3M: A túa tese en 3 minutos», unha serie de presentacións nas que os investigadores predoutorais do centro exporán o seu traballo nun tempo reducido (3 minutos), e a través dun discurso sinxelo e divulgativo. A idea orixinal do concurso provén da Universidade de Queensland (Australia), e actualmente celébrase nas principais universidades do mundo.

O acto será avaliado por un tribunal externo, que premiará ós participantes con maior capacidade para comunicar a súa investigación perante un público non especializado. Este tribunal estará composto por:

  • Javier Pedreira (Wicho): co-autor do Blog Microsiervos e responsable de informática dos museos científicos da cidade de A Coruña.

  • Jorge Mira: catedrático de electromagnetismo da Facultade de Física da Universidade de Santiago (USC) e coñecido divulgador da ciencia.

  • Christian Larsson: Enxeñeiro Mecánico, CEO e socio fundador de Larpro Engineering.

A planificación da xornada, que estará aberta ó público, será a seguinte:

  • 9:30-10:00: Inauguración.
  • 10:00-11:30: Rolda de presentacións.
  • 11:30-12:00. Café.
  • 12:00-14:00. Rolda de presentacións.
  • 16:00-17:00. Rolda de presentacións.
  • 17:00: Peche da xornada.

Esta actividade enmárcase dentro do Programa de Doutoramento Interuniversitario en Tecnoloxías da Información, que conta coa Mención de Calidade do Ministerio de Educación e Ciencia (MEC) dende a convocatoria de 2004.