Que somos e que facemos

A misión do CiTIUS é mellorar a sociedade a través de Tecnoloxías intelixentes.

Queremos ser recoñecidos coma un centro de investigación de referencia internacional nas Tecnoloxías Intelixentes, con capacidade de realizar unha investigación de gran relevancia científica e impacto socioeconómico e cunha alta capacidade de formación e atracción de talento.

Ámbitos Científicos

A nosa actividade organízase en 9 eidos científicos na área das Tecnoloxías Intelixentes.

  • Deseño electrónico de dispositivos intelixentes
  • Computación de altas prestacións
  • Tecnoloxías lingüísticas
  • Aprendizaxe e razoamento automáticos
  • Robótica
  • Ciencia e enxeñería de datos e procesos
  • IA fiable
  • Realidade virtual e aumentada
  • Visión por computador

Valores

Liderado Servicio Creatividade Igualdade Integridade Transparencia

Historia

2009

Constitúese a Agrupación Estratéxica CiTIUS, xerme do Centro, que foi recoñecida coma unha das oito Agrupacións Estratéxicas do Programa de Consolidación e Estruturación da Xunta de Galicia nese mesmo ano.

2010

Creación do CiTIUS como centro que pertence á Rede de Centros Singulares de Investigación do Campus Vida, baixo a dirección comisaria do Prof. Dr. Paulo Félix Lamas. Ao Centro adscríbense inicialmente 32 investigadoras e investigadores, tras un proceso de avaliación por parte da Comisión Científica Externa.

2012

En setembro deste ano, o persoal investigador do CiTIUS trasládase ás actuais instalacións no Campus Vida.

2016

O CiTIUS consolídase coma unha das sete entidades acreditadas polo "Programa de axudas para a acreditación, estruturación e mellora de centros de investigación singulares e agrupacións estratéxicas consolidadas do Sistema Universitario de Galicia". Esta acreditación certifica ao CiTIUS como un dos centros líderes do sistema de investigación rexional.

2019

O Centro reorganiza a súa estrutura de dirección, coa posta en marcha dunha Dirección Científica a cargo do Prof. Dr. Senén Barro Ameneiro, apoiada por unha Dirección Adxunta a cargo do Prof. Dr. Paulo Félix Lamas, ata ese intre Director Comisiario. Ao mesmo tempo, o centro reorienta a súa especialización temática carón das Tecnoloxías Intelixentes, recoñecendo a focalización progresiva da actividade investigadora do Centro carón desta área.

En decembro dese mesmo ano, o CiTIUS é recoñecido coma un dos oito Centros de Investigación de Galicia no marco do Programa de axudas para a acreditación, estuturación e mellora dos centros de investigación do Sistema Universitario de Galicia, sendo o único centro no eido das Tecnoloxías Intelixentes.

2020

No mes de abril, a Prof. Dra. Paula López Martínez colle o relevo ao Prof. Dr. Paulo Félix Lamas na Dirección Adxunta do centro, despois de máis de dez anos de crecemento e consolidación do centro baixo a súa dirección.