Presentación: 'Análise do estado da arte da tecnoloxía a través da ferramenta de vixianza Linknovate'

O CiTIUS acolle a presentación da plataforma Linknovate, que ampliou as súas capacidades incorporando interacción mediante modelos de linguaxe. O centro dispón dunha licenza para o uso desta tecnoloxía.

Linknovate compónse de 2 ferramentas principais:  

  • InnoScout: que permite a análise dunha determinada temática baseada en palabras clave. Facilita o descubrimento de proxectos, axudas, organizacións, publicacións, novas, patentes e moito máis.
  • Innobits: que permite a configuración de alertas periódicas para recibir actualizacións por correo das novidades máis importantes nas temáticas que nos interesen.

A ferramenta está pensada para axudar na mellora e optimización de todos os procesos de procura asociados ás liñas de investigación do CiTIUS. O acceso a esta plataforma coordinarase a través da Unidade de Xestión do Coñecemento e Transferencia do CiTIUS, e estará a disposición de todo o persoal do centro.

Sobre o relator

Víctor Valcárcel traballa actualmente como Project Manager en Linknovate, cun contrato cofinanciado polo programa Talento Senior da Xunta de Galicia. Licenciado en Física Aplicada pola Universidade Autónoma de Madrid e Doutor en Ciencias Físicas pola Universidade de Santiago de Compostela, con máis de 20 anos de experiencia en investigación. Foi responsable da dirección e coordinación dun Centro de Investigación (internacional), financiado polo programa de captación de talento estranxeiro da rexión de Guangzhou (Cantón). Recibiu o Premio Nacional de Innovación pola Empresa Nacional de Innovación ENISA, con motivo do seu 75 aniversario en competencia con máis de 200 proxectos.

Ten xestionado máis de 30 proxectos con financiamento público en España tanto en centros públicos como en empresas privadas. Foi promotor de varias sociedades, fundamentalmente en empresas de base tecnolóxica como Neoker S.L, que foi vendida a unha Universidade China en 2013 valorándose en máis de 4M€.