'Achégate ao CiTIUS': Xornada de Portas Abertas para estudantes de grao e máster

O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) organiza o vindeiro martes 30 de abril unha xornada exclusiva de investigación dirixida aos estudantes de grao e máster da Universidade de Santiago de Compostela. Este evento ofrece unha oportunidade sen precedentes para explorar o traballo levado a cabo no CiTIUS no ámbito da intelixencia artificial e das tecnoloxías intelixentes.

A xornada comezará coa benvida da dirección do centro, que proporcionará aos estudantes unha visión xeral do traballo científico que posiciona ao CiTIUS como un referente en Galicia no campo da intelixencia artificial. Os participantes terán a posibilidade de mergullarse nas diferentes liñas de investigación nas que traballa o centro, así como visitar os laboratorios e as infraestruturas singulares, entre as que destacan o laboratorio de robótica e o laboratorio de microelectrónica.

Esta xornada representa unha oportunidade para que os estudantes de grao e máster poidan adentrarse no emocionante mundo da investigación e da tecnoloxía da man do CiTIUS. As prazas son limitadas. Para participar, tan só é necesario inscribirse previamente cubrindo o formulario de rexistro online que atoparás a continuación:

Inscribete_aqui.png

Esperámosvos no noso centro o próximo martes, 30 de abril, de 12:00 a 13:00. Achégate ao CiTIUS e descubre as distintas demostracións que temos preparadas para ti!