
'Achégate ao CiTIUS': Xornada de Portas Abertas para estudantes de grao e máster
O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) organiza o vindeiro xoves 8 de maio unha xornada especial dirixida ao alumnado de grao e mestrado da Universidade de Santiago de Compostela. O evento constitúe unha oportunidade única para coñecer de preto o traballo desenvolvido no centro, así como as vías de acceso e oportunidades para dar os primeiros pasos nunha carreira investigadora.
O centro abre as súas portas ao alumnado de grao e máster da USC na terceira edición de 'Achégate ao CiTIUS'
A xornada comezará cunha presentación institucional a cargo da dirección do centro, onde se explicarán as principais opcións que ofrece o CiTIUS para o alumnado universitario: desde o seu programa de bolsas de verán e os contratos de inicio á investigación, ata as novas posibilidades profesionais que brindan as cátedras recentemente concedidas á USC e lideradas desde o CiTIUS: a Cátedra USC – Plexus en Intelixencia Artificial aplicada á Medicina Personalizada de Precisión e a Cátedra USC – Televés de Microelectrónica.
Posteriormente, realizarase unha visita guiada polos laboratorios de Robótica, Microelectrónica e Realidades Intanxibles, orientada a amosar exemplos prácticos das liñas de investigación que se desenvolven no centro e os retos tecnolóxicos que abordan. No laboratorio de Robótica o alumnado poderá coñecer sistemas colaborativos e plataformas móbiles; no de Microelectrónica, equipamento para deseño e caracterización de circuítos integrados; e no de Realidades Intanxibles, un espazo multipersoal de realidade virtual con tecnoloxía inmersiva.
A actividade celebrarase no CiTIUS, entre as 12:30 e as 14:00. Para participar, tan só é necesario formalizar a inscrición previa a través do formulario oficial da xornada, xa que as prazas son limitadas.
Evento presencial
/events/get-to-know-citius-information-session-for-undergraduate-and-masters-students
events_gl