Laboratorio de emprendemento: «EmprendeLab»

Senén Barro, investigador do CiTIUS e presidente de RedEmprendia, presentará o vindeiro venres no salón de actos do centro o laboratorio de emprendemento «EmprendeLab». Este laboratorio ten como obxectivo principal o fomento do emprendemento -non só empresarial, senón tamén o intraemprendemento-, potenciando a través deste a valorización dos resultados de investigación, así como a transferencia, e o desenvolvemento da intelixencia executiva entre os mozos investigadores do CiTIUS. EmprendeLab abrangue unha serie de conferencias, talleres, encontros con emprendedores, debates, sesións de valorización de ideas... etc., que se irán poñendo en marcha ó longo deste ano.

«Presentaches con éxito a túa tese de doutoramento. O esforzo de anos de traballo duro, intelectualmente moi formativo e creativo, levoute a presentar a túa tese con achegas orixinais e importantes ao mundo do coñecemento e/ou do desenvolvemento tecnolóxico; tes un novo título académico, de feito, o de máis alto rango; fixeches feliz á túa familia e... agora es un "postdoc", cunha boa formación e máis competencia para seguir o teu exercicio profesional, ligado ou non á investigación. ¿Tes claro o que queres? ¿Coñeces o camiño a seguir? ¿Cal é o teu plan? ¿Seguir na investigación, ser funcionario, incorporarte a unha empresa (unha multinacional, quizais)...? ¿Emprender é unha opción para ti? Se é así, hai que querer, saber e poder. E o primeiro, e máis importante, é querer. Atreverse a actuar, en definitiva. Tamén hai que estar preparado. Adoita dicirse que non se pode ensinar a emprender, pero que si é posible aprender a emprender.»

Senén Barro foi reitor da Universidade de Santiago de Compostela entre os anos 2002 e 2010, e na actualidade desenvolve a súa actividade no CiTIUS. Ó longo da súa andaina como máximo responsable da USC promoveu a internacionalización e o emprendemento na universidade, e entre os anos 2003 e 2005 presidiu o grupo TIC da CRUE (Conferencia de Rectores de Universidades Españolas). Foi tamén vicepresidente deste organismo no período 2008-2010, e dende maio de 2008 preside RedEmprendia, unha rede composta por 20 universidades iberoamericanas, Universia e o Banco Santander, adicada a promover a innovación e o emprendemento responsables.