Defensa de Tese: 'Solucións de computación de altas prestacións para o procesamento de nubes de puntos de LiDAR aéreo na busca de rutas e a detección e caracterización de liñas eléctricas'

Nesta tese abórdase o procesamento de nubes de puntos, obtidas con sensores LiDAR aerotransportados, usando técnicas de computación de altas prestacións. Unha das operacións máis habituais á hora de procesar nubes de puntos é a determinación da veciñanza de cada un deles. Para iso, fíxose un amplo estudo para determinar a estrutura de datos máis eficiente para realizar esta operación. Unha vez elixida a mellor estrutura de datos, estudouse a súa escalabilidade cando se paraleliza baixo o paradigma de memoria compartida.

Sobre esta base, desenvolvéronse dous algoritmos de procesamento de nubes de puntos. O primeiro deles consiste en calcular a ruta óptima entre dous puntos calquera dada unha nube de puntos. O custo da ruta calcúlase en termos de pendente, rugosidade, presenza de estradas e presenza de vexetación que poida obstaculizar o movemento. O segundo algoritmo consiste na detección e caracterización de liñas eléctricas en nubes de puntos de propósito xeral. O algoritmo é capaz de detectar múltiples liñas eléctricas sen información previa sobre elas. Ademais, cada condutor é segmentado individualmente para a súa modelización matemática utilizando a ecuación da catenaria, o que permite o cálculo de distancias moi precisas entre cada condutor e os obstáculos que poidan existir ao redor.

Director: Francisco Fernández Rivera