Simposio de Investigación Psicodélica de Santiago

O grupo de investigación IRL do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) organiza o próximo martes 20 de maio unha xornada dedicada ao estudo dos psicodélicos desde unha perspectiva científica e interdisciplinar. O evento reunirá a expertos internacionais para analizar como estas substancias están a transformar o noso entendemento sobre a saúde, a mente e a experiencia humana, poñendo o foco nas súas aplicacións terapéuticas, cognitivas e sociais.

A sesión comezará coa intervención do profesor Pedro Teixeira (Universidade de Lisboa), titulada Psychedelics and Public Health. Teixeira, experto en ciencias do comportamento, presentará evidencias recentes que suxiren que o uso de psicodélicos —fóra do contexto clínico tradicional— pode asociarse a melloras sostibles en hábitos de vida como a alimentación, o exercicio físico, o sono ou a meditación. Estes beneficios, xunto con impactos positivos a nivel psicolóxico e social, dan lugar a un novo campo de estudo emerxente: a Saúde Pública Psicodélica.

O evento está organizado polo Laboratorio de Realidades Intanxibles do CiTIUS.

A continuación, a doutora Débora González (Universidade Isabel I / FSJD) presentará os resultados dun estudo clínico pioneiro na súa charla Ayahuasca-Assisted Meaning Reconstruction Therapy as an Early Resource for Bereavement. A súa investigación analiza a eficacia da combinación de ayahuasca e terapia centrada na reconstrución de sentido en persoas en duelo severo. Os datos mostran que esta intervención é segura e máis eficaz que os enfoques tradicionais, logrando melloras relevantes en sintomatoloxía, calidade de vida e crecemento postraumático.

Pechará a xornada o doutor Chris Timmermann (University College London), unha das figuras máis destacadas na investigación neurocientífica sobre psicodélicos. Na súa charla, The fertile void, afondará no potencial do DMT e do 5-MeO-DMT para deconstruír a percepción do eu, o tempo e o espazo, xerando experiencias transformadoras con implicacións terapéuticas e filosóficas. Presentará tamén resultados que amosan sorprendentes semellanzas entre estes estados alterados de conciencia e prácticas meditativas avanzadas.

Tras as intervencións, abrirase un espazo de diálogo moderado polo investigador vinculado do CiTIUS David Glowacki, no que o público poderá intervir e compartir impresións cos relatores.

A xornada celebrarase na Facultade de Medicina da USC, entre as 16:00 e as 19:00. A actividade é de acceso libre, mais require inscrición previa a través do formulario oficial:

Inscribete_aqui.png

Máis información na web oficial do simposio.