Escola de Verán: 'Algoritmos y chips verdes para Inteligencia Artificial'

A Cátedra USC–Televés de Microelectrónica celebrará a súa Escola de Verán do 7 ao 11 de xullo de 2025 no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS). Este evento, cunha duración total de 28 horas lectivas, está dirixido a estudantes de máster, doutoramento, investigadores no comezo da súa carreira e profesionais do sector. O programa é completamente gratuíto, pois a Cátedra USC-Televés financia a totalidade do custo para as persoas participantes.

Os obxectivos deste curso son: formar en novos paradigmas de computación para intelixencia artificial, difundir estratexias de computación verde e coñecer novos dispositivos emerxentes para computación en memoria combinados con novos modelos de adestramento de IA.

O programa inclúe conferencias e demostracións prácticas impartidas por destacados expertos en múltiples áreas, como o recoñecemento de imaxes, a computación en memoria ou as tecnoloxías lingüísticas. Entre os relatores haberá representantes de empresas e institucións como Maxwell Applied Technologies, IBM, a Fondazione Bruno Kessler, a Universidade de Barcelona, o Politecnico di Torino, o INL e CiTIUS, entre outros. Podes consultar aquí a lista completa de participantes, así como o horario das actividades da escola.

A Escola de Verán conta con 50 prazas dispoñibles e está recoñecida con 2 créditos ECTS. A preinscrición e matrícula estará aberta ata o 27 de xuño e pode realizarse neste enlace.

Para máis información, podes visitar o sitio web oficial da Escola de Verán.

Sobre a cátedra

A Cátedra USC–Televés de Microelectrónica é unha colaboración estratéxica entre a empresa Televés e a Universidade de Santiago de Compostela a través do CiTIUS, un centro de investigación cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Galicia Feder 2021-2027. O obxectivo desta cátedra é fomentar a investigación en microchips e o deseño microelectrónico. Esta iniciativa aborda desafíos clave no sector da microelectrónica, destacando as liñas de investigación que se formulan nas áreas da Computación no borde, a Computación en memoria, a Computación cuántica e o avance en chips de vangarda para sistemas AESA (Active Electronically Scanned Array).