Programa de Formación: 'Marco actual da ciencia aberta e recursos da BUSC para a súa promoción'

Este seminario ten un dobre obxectivo: dar a coñecer as implicacións das políticas europea e estatal de Ciencia Aberta na carreira do persoal investigador da USC e, ao mesmo tempo, os recursos e servizos que a BUSC pon ao dispor do persoal docente e investigador para desenvolver a súa investigación neste marco. Na primeira parte da charla, centrarémonos en dar a coñecer o marco actual da Ciencia Aberta nas Universidades españolas, e as políticas e requirimentos en España e Europa respecto da publicación dos resultados da investigación financiada con fondos públicos. Seguidamente, pasaremos a explicar os recursos e servizos que a BUSC pon a disposición do PDI para o desenvolvemento da súa investigación, incluídos os relacionados co autoarquivo no repositorio institucional Minerva e aqueles que potencien a visibilidade e o impacto da investigación.

Sobre Mabela Casal

Licenciada en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Ingresou como axudante de biblioteca da Universidade de Santiago no ano 1994 e dende o ano 2003 é facultativa da escala de bibliotecas da USC. Ocupa o cargo de Directora da Biblioteca Universitaria de Santiago de Compostela dende maio de 2008 e nese mesmo ano acadou o Diploma de directivo da Administración da Xunta de Galicia (2008). Recibiu formación dende a súa incorporación á carreira profesional e igualmente impartiu formación en diversas áreas, nomeadamente en aspectos relativos á ciencia aberta e o patrimonio bibliográfico. Foi secretaria executiva da Red de Bibliotecas Universitarias españolas (REBIUN) de 2016 ao 2020. Formou parte ata 2022 do Consello de Cooperación de Bibliotecas de Galicia en representación das bibliotecas universitarias. De 2016 a 2020 tamén formou parte do Consejo de Cooperación Bibliotecaria estatal.

Sobre Carmen Posse

Licenciada en Documentación pola Universidade de Salamanca, a súa traxectoria profesional no eido da xestión bibliotecaria e documental sempre estivo respaldada por unha formación continua e actualizada para adaptarse ás novas demandas da xestión da información no entorno dixital. Desde o ano 2023 encárgase da administración de Minerva, repositorio institucional da USC, e da xestión dos acordos transformativos para a publicación en acceso aberto.