
Programa de Formación: 'Marco actual da ciencia aberta e recursos da BUSC para a súa promoción'
Este seminario ten un dobre obxectivo: dar a coñecer as implicacións das políticas europea e estatal de Ciencia Aberta na carreira do persoal investigador da USC e, ao mesmo tempo, os recursos e servizos que a BUSC pon ao dispor do persoal docente e investigador para desenvolver a súa investigación neste marco.
Na primeira parte da charla, centrarémonos en dar a coñecer o marco actual da Ciencia Aberta nas universidades españolas e as políticas e requirimentos en España e Europa respecto da publicación dos resultados da investigación financiada con fondos públicos. Seguidamente, pasaremos a explicar os recursos e servizos que a BUSC pon a disposición do PDI para o desenvolvemento da súa investigación, incluídos os relacionados co autoarquivo no repositorio institucional Minerva e aqueles que potencian a visibilidade e o impacto da investigación.
Sobre Mabela Casal
Licenciada en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Ingresou como adxunta de biblioteca da Universidade de Santiago no ano 1994, e dende o ano 2008 é facultativa da escala de bibliotecas da USC. Ocupa o cargo de Directora da Biblioteca Universitaria de Santiago de Compostela dende maio de 2008 e nese mesmo ano acadou o Diploma de directiva da Administración da Xunta de Galicia (DOG88).
Recibiu formación tamén no eido da xestión e a carreira profesional e igualmente impartiu formación en diversas áreas, nomeadamente en aspectos relativos á ciencia aberta e ao patrimonio bibliográfico. Foi secretaria executiva da Red de Bibliotecas Universitarias Españolas (REBIUN) de 2016 ao 2020.
Desde 2022 forma parte da Comisión de Cooperación de Bibliotecas de Galicia e representa ás bibliotecas universitarias. De 2016 a 2021 tamén formou parte do Consello de Cooperación Bibliotecaria estatal.
Na actualidade forma parte da Liña 2 de REBIUN dedicada a impulsar o papel das bibliotecas universitarias como axentes clave na promoción da ciencia aberta, coordinando un grupo de traballo centrado na análise e proposta de políticas e estratexias para o desenvolvemento da ciencia aberta nas universidades españolas.
Sobre Carmen Posse
Licenciada en Documentación pola Universidade de Salamanca e especialista en xestión da información no contorno dixital. Desde 2023 é responsable da administración do repositorio institucional Minerva (USC) e da xestión dos acordos transformativos para a publicación en acceso aberto. Ademais, é membro do Grupo de Traballo de Repositorios de REBIUN, desenvolvendo e implementando estratexias para posicionar os repositorios institucionais como infraestrutura clave na promoción da Ciencia Aberta.
Evento presencial
/events/training-program-current-framework-of-open-science-and-busc-resources-for-its-promotion-2025
events_gl