‘UAVlab’: Xornada de Demostración de Tecnoloxías aplicadas a UAVs

O CiTIUS organiza a xornada de demostración tecnolóxica ‘UAVlab’, un encontro monográfico destinado a presentar a empresas e institucións as tecnoloxías desenvolvidas no centro no eido dos Vehículos Aéreos Non Tripulados ou ‘UAVs’ (Unmanned Aerial Vehicles), que terá lugar o vindeiro venres, 24 de febreiro, entre as 10:00 e as 14:00 horas.

Seguindo a estela das recentes edicións da iniciativa ‘Inside The Lab’, a xornada de portas abertas á industria que ó longo dos dous últimos anos ten atraído ó centro numerosos actores da contorna científico-tecnolóxica,  esta nova proposta pretende agora poñer o foco sobre un ámbito de crecente interese e máxima actualidade social.

Entre as  tecnoloxías exhibidas ó longo de UAVlab, os visitantes poderán asistir a demostracións de solucións deseñadas para a pilotaxe autónoma de UAVs mediante visión artificial, a reconstrución 3D da contorna a partires de imaxes, ou a identificación de superficies a partir de imaxes hiperespectrais e datos ‘LiDAR’, entre outras. Tódalas solucións amosadas nesta xornada teñen o seu fundamento en resultados de investigación punteiros ó máis alto nivel, situándose nalgúns casos coma os mellores do mundo.

Para participar nesta xornada, só é necesario cubrir o formulario publicado na web do evento. A inscrición permanecerá aberta ata o día 22 de febreiro.