
A spin-off do CiTIUS 'InVerbis' consolida o seu crecemento cun investimento de 400.000€
A Estratexia Lugo Transforma, que mobilizará máis de 12 millóns de euros para a captación de novas inversións, incorpora á iniciativa á empresa ‘InVerbis Analytics’, unha startup para a optimización intelixente de procesos empresariais creada no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da Universidade de Santiago de Compostela.
Lugo Transforma, o fondo de capital de risco do Concello de Lugo, que pretende mobilizar 12 millóns de euros a través da constitución dun fondo público emprendedor para a captación de novas inversións para a cidade, ven de anunciar publicamente o investimento de 400.000€ en 'InVerbis', Unha empresa tecnolóxica nacida no Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da Universidade de Santiago de Compostela. 'InVerbis' convertese así na terceira empresa pola que aposta esta iniciativa lucense.
Jesús Torres, CEO de Torsa Capital, a empresa que se encarga de xestionar o fondo, destaca a importancia deste acordo polo potencial e carácter innovador de 'InVerbis', que espera que a súa vez, sexa un foco de atracción para profesionais cunha moi alta cualificación. Pola súa parte, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, destacou as grandes oportunidades de emprego que trae consigo a chegada dunha empresa con estas características e pioneira no seu sector.
'InVerbis Analytics' que xa recibira o apoio financeiro a cargo de Unirisco, o fondo de capital de risco das universidades galegas, e do Ministerio de Ciencia e Innovación a través do Programa de axudas Neotec, segue desta forma consolidando o seu crecemento. O director científico de 'InVerbis', Alejandro Ramos, doutor formado no CiTIUS, explicaba que este fito «confirma a solidez que está a alcanzar a empresa dentro do mercado internacional da intelixencia de procesos». Por outra banda, esta nova achega de fondos permitirá que a empresa «poda traballar a fondo en actualizacións do produto enfocadas á verticalidade de solucións intelixentes de procesos que vai vivir o mercado, así como desenvolver a súa comunicación e presencia internacional», engadía Alejandro.
'InVerbis Analytics'
InVerbis é unha empresa de base tecnolóxica que comercializa unha ferramenta de análise e mellora de procesos que pode ser empregada tanto por empresas como pola administración pública. É un proxecto español baseado en Galicia, froito da investigación realizada no CiTIUS da USC, e que contou co apoio económico do programa Ignicia da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, posto en marcha en colaboración coa Fundación Barrié.
A empresa dispón dun equipo de traballo cunha moi alta cualificación, contando con doutores, enxeñeiros con formación de posgrao e experiencia real en varias e diversos sectores como sanidade, loxística ou servizos. A súa evolución está a ser especialmente positiva, sobre todo no mercado internacional. En menos de 3 anos conseguiron desenvolver alianzas con importantes empresas de software internacionais coma Denodo, TimeXtender ou CERNER., entre outras.
Estratexia Lugo Transforma
Unha estratexia lucense, coa que se pretende captar novas inversión para a cidade, atraer empresas e crear emprego sostible. Articularase a través da entrada temporal do Concello no capital de proxectos empresariais innovadores a través da modalidade de fondo de capital risco. Estes proxectos deben de cumprir requisitos como os de ter un alto valor engadido, potencial de crecemento e alta capacitación.
O Concello de Lugo aposta por este tipo de fondos de emprendemento que permite ás empresas o acceso a financiamento de iniciativas con posibles dificultades para acceder a recursos de fontes financeiras tradicionais. Unha iniciativa que xa conta con 3 apostas, incluída 'InVerbis Analytics', xunto coas empresas LexDigo e Innogando. Espérase que no próximo mes, se anuncien unha ou dúas empresas máis que se sumarán a esta iniciativa.