Ainhoa Vivel, Premio Altia TFG 2023

A investigadora do CiTIUS e alumna do máster de IA da ETSE fíxose coa cuarta edición destes premios, que recoñeceron o seu Traballo de Fin de Grao como alumna de Enxeñería Informática na escola técnica da USC.

Ainhoa Vivel, Premio Altia TFG 2023

A investigadora do CiTIUS e alumna do máster de IA da ETSE fíxose coa cuarta edición destes premios, que recoñeceron o seu Traballo de Fin de Grao como alumna de Enxeñería Informática na escola técnica da USC.

Alumna egresada do grao de informática da Escola Técnica Superior de Enxeñería (ETSE), bolseira de verán do CiTIUS, e na actualidade, estudante de máster en Intelixencia Artificial e investigadora contratada do centro no marco do Proxecto Nós. A traxectoria de Ainhoa Vivel Couso, estreitamente ligada á USC a través dos seus centros de investigación e formación de referencia no ámbito tecnolóxico, vén de ascender un novo chanzo trala obtención do IV Altia Premia;un recoñecemento conxunto ao mellor Traballo de Fin de Grao (TFG) co que a empresa Altia e a propia ETSE buscan incentivar e fomentar o talento tecnolóxico do alumnado do Grao en Ingeniería Informática da Universidade de Santiago de Compostela.

O traballo, titulado 'AgeX: Explicación automática en linguaxe natural do cálculo da idade dental', aborda o uso de técnicas de aprendizaxe automática con redes neurais na estimación da idade dental, e contou coa supervisión dos investigadores do centro María José Carreira, José María Alonso e Inmaculada Tomás.

«Logramos combinar tecnoloxías da linguaxe con resultados xerados a partir de técnicas de IA para a análise automática dos datos», conta Ainhoa. «Deste xeito, as narrativas autoxeradas permiten a unha persoa experta en odontoloxía comprender e, por tanto, confiar, nos resultados xerados polo modelo», explica a investigadora, que aspira a que esta distinción avive o interese pola súa área de traballo: «espero que a concesión deste premio ao meu traballo anime a máis alumnos a investigar sobre Intelixencia Artificial Explicable e as tecnoloxías da linguaxe».

Un premio moi familiar

Esta iniciativa, realizada conxuntamente entre Altia e a ETSE, nace co obxectivo de estimular a formación e o talento dixital do alumnado do Grao en Enxeñería Informática e de premiar o seu talento, paixón e esforzo, recompensando á persoa gañadora cun premio de 1.500€.

Trátase dun premio no que o persoal investigador do CiTIUS tivo ata o de agora un protagonismo indiscutible, xa que membros do centro gañaron este galardón en tres das súas catro edicións. Ao igual que Ainhoa Vivel agora, Marcos Fernández Pichel e Martín Aller Domínguez obtiveron tamén este recoñecemento en edicións anteriores. Ademais, numerosos traballos presentados por investigadores do centro teñen figurado sempre entre os finalistas destes premios. Un éxito explicado, en boa medida, pola conexión entre o CiTIUS e a Escola Técnica Superior de Enxeñería, unha escola cun papel crucial na formación de novos estudantes que, en moitos casos, deciden continuar a súa carreira dando o salto ao mundo da investigación a través do ao Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC.