
Andrea Cascallar suma co premio Frances Allen un novo recoñemento á súa tese, desenvolta no CiTIUS
A investigadora egresada do centro, actualmente no sector privado, recolleu hoxe unha nova distinción ó seu traballo doutoral no Congreso da Asociación Española para a Intelixencia Artificial (CAEPIA 2024).
A investigadora egresada do CiTIUS Andrea Cascallar foi galardoada hoxe co Premio Frances Allen 2024 pola súa tese doutoral, titulada ‘Fuzzy Quantified Protoforms for Data-To-Text Systems: a new model with applications’. O recoñecemento, que destaca a excelencia de mulleres no ámbito da Informática e a Intelixencia Artificial, concedeuse no marco do Congreso da Asociación Española de Intelixencia Artificial (CAEPIA 2024), celebrado esta semana na Coruña, e únese así ó Premio EUSFLAT á mellor tese de Europa obtido pola investigadora no ano 2022.
Co premio Frances Allen, a AEPIA (Asociación Española para a Intelixencia Artificial) pretende dar maior visibilidade ás mulleres investigadoras na área da Informática en xeral, así como da Intelixencia Artificial en particular.
A institución incide nas súas bases no feito de que «debe ser labor dos organismos públicos e das asociaciós de informática promocionar a presenza da muller nas aulas dos nosos centros e en investigación». Por elo, engaden, «con este premio búscase potenciar a gran labor de bolseiras, profesoras e investigadoras para que sirvan de exemplo a futuras alumnas dos estudos de Informática».
O premio Frances Allen leva o nome da renomeada científica estadounidense Frances Elizabeth Allen, a primeira muller en gañar o premio Turing en 2006. Experta en compiladores, optimización de código e paralelización, co seu nome quérese render homenaxe ás mulleres pioneiras na investigación e o traballo en Informática, con frecuencia identificada cun ámbito predominantemente masculino.
No ano 2008, pouco despois de recibir o Turing Award, a científica norteamericana visitou a Universidade de Santiago de Compostela como invitada do programa ConCiencia. A súa visita marcou un fito na historia do programa, sendo a primeira e única vez que unha premiada co Turing Award participou. Posteriormente, o programa contou coa presenza de gañadores de Premios Nobel e Medallas Med.
A tese de Andrea Cascallar, dirixida polos investigadores Alberto Bugarín (investigador 2022 do CiTIUS) e Alejandro Andrea, CSO na spinoff do centro Inverbis Analytics, xa recibira o Premio EUSFLAT vinculado á mellor tese de Europa, consolidándose como unha referencia no campo da Intelixencia Artificial e a xeración de linguaxe natural. A súa investigación aborda o desafío de incorporar a imprecisión á xeración de linguaxe natural en sistemas 'Datos a Texto' (D. To-Text, D2T).
Entre as contribucións destacadas da súa tese atópanse a creación da biblioteca de realización lingüística ‘SimpleNG-GL’ (que facilita a xeración de textos en galego), e o desenvolvemento de sistemas D2T aplicados á saúde cardiovascular e á información ambiental, como o sistema ICA2Text para proporcionar información textual sobre o Índice de Calidade do Aire. Estes traballos foron realizados en cooperación co Instituto da Lingua Galega (ILG), o Servizo de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, a empresa Balidea Consulting and Programming e Meteogalicia.
Andrea Cascallar, que na actualidade traballa como como Senior Data Scientist na compañía DXC Technology, resaltou «a importancia de recibir estes galardóns nun campo no que tradicionalmente a presenza de mulleres non foi moi alta», subliñando a necesidade de «visibilizar o traballo das mulleres nas ciencias para inspirar ás novas xeracións a dedicarse ás disciplinas STEM» (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas).